O emprendemento gaña peso como ferramenta para crear emprego na provincia de A Coruña

A Deputación da Coruña reivindicou o papel do emprendemento como motor de creación de emprego, innovación e dinamización económica durante a clausura da xornada 'Transforma o teu proxecto nun espazo real', organizada por AJE Galicia no Club Cámara Noroeste da Coruña.
O encontro reuniu persoas emprendedoras, profesionais, empresas e representantes institucionais arredor dun programa centrado en converter ideas de negocio en proxectos reais, sostibles e con capacidade de crecemento. A xornada incluíu talleres sobre tendencias de mercado e desenvolvemento de espazos empresariais, ademais dunha mesa redonda con representantes de IKEA, Ámbitos, Hotel Plaza e Hotel Avenida, Atlántico Abogados e La Tribu Verde.
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou a importancia deste tipo de citas para compartir experiencias, establecer contactos e aprender de iniciativas xa consolidadas. Na súa intervención, puxo en valor o esforzo das persoas emprendedoras e a súa capacidade para xerar actividade económica nos concellos da provincia.
'Detrás de cada novo negocio hai esforzo e ilusión, pero tamén a capacidade para xerar emprego, dinamizar os nosos concellos e abrir novas oportunidades de futuro', afirmou García.
A responsable provincial lembrou que a creación de emprego estable, de calidade e vinculado ao territorio é unha das prioridades da Deputación da Coruña. Para este ano 2026, a área de Emprego conta cun orzamento de 16,3 millóns de euros, destinados a apoiar o tecido produtivo local, as persoas emprendedoras, as pemes e os autónomos.
García tamén salientou o impacto do Plan de Emprego Local, que entre 2016 e 2025 mobilizou máis de 127 millóns de euros e permitiu crear 8.131 postos de traballo na provincia. A deputada definiu o PEL como unha ferramenta clave para fixar poboación, favorecer o emprego estable e mellorar a competitividade empresarial, especialmente no medio rural.
Na clausura, a deputada incidiu na importancia da colaboración entre administracións, empresas e persoas emprendedoras. Segundo apuntou, unha conversa, un contacto ou unha idea compartida poden converterse no punto de partida dunha nova iniciativa empresarial.
O acto contou tamén coa participación de Luciano Covelo, presidente de AJE Galicia; Juan José Couce Prego, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Eva Rosende, presidenta de AJE A Coruña; e representantes do tecido empresarial galego.