O EMHU pecha a súa sexta edición con máis de 20.000 espectadores

ACoruñaXa
O Encontro Mundial de Humorismo consolida na Coruña a súa posición como gran cita da comedia en España, con once días de espectáculos, formación e actividades paralelas
A CORUÑA emhu 2026 Foto de Leo López
Imaxe de Leo López
7 May 2026

O Encontro Mundial de Humorismo despediu a súa sexta edición na Coruña cun balance que reforza o seu papel como unha das grandes referencias culturais de Galicia e como o principal festival de comedia de España. Máis de 20.000 persoas pasaron polos diferentes recintos da cidade durante once xornadas nas que o humor ocupou teatros, auditorios, espazos formativos e tamén a rúa.

A programación deste ano reuniu arredor dunha vintena de espectáculos e case unha ducia de actividades complementarias. O público respondeu de forma masiva ás grandes galas de produción propia, como 'Humoris Causa', 'Chisteria Colectiva' ou 'Fantastic Colofon', pero tamén ás propostas máis específicas vinculadas á formación, á divulgación e á reflexión arredor do oficio cómico.

Segundo a organización, a maior parte dos asistentes procederon de Galicia, especialmente do eixo atlántico, con público da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. O festival confirmou tamén a súa capacidade de atracción fóra da comunidade, con espectadores chegados de Madrid, a Comunidade Valenciana, Cataluña, Andalucía, Castela e León ou Asturias.

Un dos trazos máis destacados desta edición foi a variedade de formatos. O EMHU combinou humor escénico, cine, podcast en directo, espectáculos a pé de rúa na Praza de María Pita, visitas á exposición 'Comedy Wildlife' e mesas redondas sobre procesos creativos e ferramentas dixitais. Tamén estreou unha nova vertente formativa co curso de clown impartido por Jöns Pappila, que reuniu persoas profesionais e afeccionadas interesadas nas linguaxes da comedia.

A Coruña converteuse durante estes días nun punto de encontro para o sector. A organización subliña que foi habitual ver artistas do cartel asistindo ás funcións doutros compañeiros ou participando en actividades formativas, o que contribuíu a crear un ambiente de comunidade arredor do festival.

O cartel contou con figuras internacionais como Daniele Finzi Pasca e con nomes recoñecidos da escena estatal como Eva Hache, Luis Piedrahita, Álex Clavero, JJ Vaquero ou Malena Alterio. A mestura de traxectorias, estilos e xeracións permitiu ao encontro amosar o humor desde perspectivas moi diferentes.

A sexta edición rematou coa gala 'Fantastic Colofon' e coa entrega dos Premios EMHU, que recoñeceron a traxectoria poética de Finzi Pasca, a sátira de El Mundo Today e a versatilidade interpretativa de Malena Alterio. O festival tamén incorporou o Premio ao Talento Dixital, co que puxo en valor o traballo de creadoras e creadores de contido galegos como Champimuros, Mery Fos, Oliva sin hache, Oveya Nejra, Pablo Meixe, Pepe y Lucas, Prado Rúa, Tamara GR e Xurxo Carreño.

0.11848998069763