O EMHU 2025 traerá a A Coruña a Franco Escamilla, Faemino e Cansado e grandes nomes do humor internacional

A quinta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) regresa en 2025 con máis forza ca nunca. A cita, que se celebrará entre o 24 de abril e o 4 de maio, reunirá na cidade a grandes estrelas do humor galego, estatal e internacional, convertendo A Coruña nun referente mundial da comedia durante 11 días consecutivos.
Nesta edición, destacan as grandes incorporacións latinoamericanas como os mexicanos Franco Escamilla e Carlos Ballarta, ademais do arxentino Luciano Mellera, que será o encargado de abrir o evento co espectáculo ‘El unipersonal de Lucho Mellera’, en estrea nacional no Teatro Colón.
Tamén subliñan no cartel nomes míticos como Faemino e Cansado, que traerán o seu espectáculo ‘17 veces’ cargado do habitual humor absurdo que os caracteriza, ou Luis Piedrahita, que presentará en Galicia o monólogo ‘Apocalípticamente correcto’. Pola súa parte, Henar Álvarez ofrecerá a estrea galega de ‘La Chochoctora’ no Palacio da Ópera, mentres que o coñecido actor e humorista Hovik Keuchkerian regresa aos escenarios coa súa proposta ‘Grito’.
O evento tamén aposta pola programación familiar, coa estrea absoluta de ‘El show de la Fantasy House’, unha proposta pensada para nenos e nenas, a cargo de Animalize21, AlesGE e PabletePablitor, o día 3 de maio no Teatro Colón.
Outro dos pratos fortes será a gala ‘Humoris Causa’, que reunirá no escenario a Goyo Jiménez, Xosé A. Touriñán, Marta González de Vega e Carlos Blanco, nun espectáculo de produción propia. Pola súa parte, os seguidores de propostas de humor máis íntimo poderán gozar de ‘La Ruina’, o popular podcast que volve ao EMHU da man de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.
O peche de ouro chegará o domingo 4 de maio coa gala ‘Fantastic Colofon’, que contará co talento de Ana Morgade, Álex Clavero e JJ Vaqueiro, ademais da entrega dos Premios EMHU 2025.
Entradas e abonos
As entradas individuais e abonos sairán á venda o xoves, 19 de decembro, ás 12.00 horas a través da páxina oficial e da plataforma Ataquilla. O público poderá optar por catro tipos de abonos:
- Abono ‘Bo’: Inclúe 3 espectáculos clave por 66 euros (Apocalípticamente correcto, La Chochoctora, Grito).
- Abono ‘Bo bo’: 3 espectáculos internacionais por 78 euros (El unipersonal de Lucho Mellera, TLATOANI, Show 1995).
- Abono ‘Bo, do bo o mellor’: 4 propostas destacadas por 94 euros (17 veces, La Ruina, Humoris Causa, Fantastic Colofon).
- Abono ‘Bo, do bo o mellor, do mellor o superior’: O paquete máis completo con 6 espectáculos por 132 euros.
Máis que un festival
O EMHU, ademais de ofrecer espectáculos únicos, propón actividades paralelas que se desenvolverán ao longo dos 11 días. Obradoiros, coloquios con artistas e iniciativas culturais dirixidas a todos os públicos completarán unha edición que aposta pola diversidade e a risa como linguaxe universal.