O edificio social Toñito Espiñeira acolle a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes’
O edificio social Toñito Espiñeira de Carral acolle desde hoxe e ata o 21 de xaneiro de 2025 a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes’, organizada por Afundación. A mostra inclúe unha escolma de fotografías da Axencia EFE, que documentan a emigración galega e española a través dun dos arquivos fotográficos máis amplos de España.
Na presentación oficial participaron o alcalde de Carral, Javier Gestal, xunto con representantes de Afundación e ABANCA, como Vanessa Sende, da Área de Cultura de Afundación, e José Manuel Vilariño, coordinador Institucional de ABANCA.
A exposición estará aberta de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 h, salvo os días 24 e 30 de decembro, nos que estará pechada. Ademais, as persoas asistentes están convidadas a colaborar doando alimentos non perecedoiros, unha iniciativa promovida pola Obra Social ABANCA para axudar ás persoas máis necesitadas.
Esta mostra forma parte do programa CORRENTE CULTURAL, unha proposta de ABANCA e Afundación que achega a cultura por toda Galicia e destaca a tradición galega mediante colaboracións coas entidades locais.