O domingo celébrase no Campo da Leña o primeiro mercado ecolóxico do ano

ACoruñaXa
A cita incluirá actividades infantís, contacontos e a participación de produtores locais entre as 10.00 e as 15.00 horas
Imaxe dun mercado ecolóxico na Coruña
4 Jan 2025

Este domingo, 5 de xaneiro, o Campo da Leña acollerá o primeiro mercado ecolóxico municipal do ano 2025. A iniciativa, promovida polo Concello da Coruña, busca dar visibilidade aos pequenos produtores locais e dinamizar os barrios da cidade cun formato rotatorio que aposta polos eventos ao aire libre.

O mercado, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 15.00 horas, contará cunha programación pensada para todos os públicos. Entre as actividades, destaca a apertura dun espazo de dinamización infantil e a intervención artística ‘Arte do residuo’, ambas dispoñibles durante toda a mañá.

A partir das 11.30 horas, a rapazada poderá participar nun obradoiro creativo para fabricar réplicas do Rei Mago Melchor empregando materiais reciclados. O obradoiro terá unha duración dunha hora e estará limitado a 15 prazas, polo que será necesario inscribirse previamente a partir das 10.00 horas no propio mercado.

Ás 12.30 horas, as crianzas tamén poderán gozar da sesión de contacontos ‘Onde nacen as apertas’, a cargo de Beíña, que lles ofrecerá unha experiencia máxica e chea de imaxinación.

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou á cidadanía, e especialmente ás familias, a participar nesta primeira edición do mercado ecolóxico de 2025. “Trátase dunha proposta que seguimos ampliando a máis barrios da cidade, como as prazas de Pablo Iglesias e Azcárraga ou o paseo das Pontes, contribuíndo a dinamizar as zonas urbanas e a poñer en valor o produto local e a creatividade das e dos profesionais que participan”, sinalou.

0.1674120426178