O DOG publica as distincións das tres Medallas Emilia Pardo Bazán en favor da igualdade

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Foron distinguidas a Asociación Salud Mental A Mariña, a xuíza María Josefa Ruiz Tovar e as pioneras do fútbol de Crendes
asociacion-saude-mental-a-marina
10 Jul 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que a Xunta de Galicia concede a Medalla Emilia Pardo Bazán á Asociación Saúde Mental A Mariña, á maxistrada María Josefa Ruiz Tovar e ás mulleres pioneiras do fútbol feminino de Crendes.

A Medalla Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento ao labor que desenvolven as persoas e entidades premiadas a prol da igualdade de xénero entre mulleres e homes en Galicia. Este galardón foi creado pola Xunta no ano 2019 para conmemorar publicamente todas as accións que contribúen á sensibilización social e a dar visibilidade ao talento das mulleres e de todas as entidades comprometidas coa eliminación da discriminación de xénero e a construción dunha sociedade máis igualitaria.

Este recoñecemento leva o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.

Nesta ocasión, o xurado distingue o labor da Asociación Saúde Mental A Mariña, fundada no 1999 por un grupo de familias desta comarca lucense. Esta entidade é un dos referentes na atención a persoas con enfermidade mental en Galicia e conta con catro centros de rehabilitación psicosocial e laboral en Burela, Cervo, Ribadeo e Viveiro que dan servizo aos 14 concellos da Mariña Lucense. Ademais, dispón de dúas vivendas tuteladas para a atención de vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental e dos seus fillos, as primeiras destas características en España.

Outro dos tres recoñecementos recae na xuíza María Josefa Ruiz Tovar, a primeira muller en presidir unha audiencia provincial en Galicia -a de Lugo desde o ano 2000- e a cuarta en España. Ruiz Tovar conta con máis de tres décadas de servizo na carreira xudicial e é un referente no avance da igualdade de xénero dentro da Administración de Xustiza en Galicia, abrindo o camiño ás maxistradas que a sucederon. Desde o ano 2011 preside a Sección Terceira (civil) da Audiencia Provincial da Coruña.

Por último, a terceira das medallas será entregada ás mulleres pioneiras do fútbol feminino da parroquia de Crendes, en Abegondo, que fixeron historia ao formar os seus primeiros equipos e xogar partidos na década dos 60, cando neste deporte non había case representación feminina. O seu primeiro encontro foi un desafío ás normas sociais do momento e á propia Federación de Fútbol, que non vía con bos ollos este tipo de competicións.

0.13559985160828