O documental sobre Suso de Toro, 'Suso. Fóra de Lugar' chega o 11 de maio ao Cine Alfonsetti de Betanzos

ACoruñaXa
A presentación contará coa presenza do director, Alberto Sacido, e do escritor Suso de Toro
Imaxe do cartel de 'Suso, fóra de lugar' (1)
Imaxe do cartel de 'Suso, fóra de lugar' (1)
8 may 2024

O Cine Alfonsetti de Betanzos será o escenario da presentación do documental 'Suso. Fóra de lugar', un filme de Alberto Sacido no que o escritor Suso de Toro revisa o seu camiño nas marxes, nunha conversa constante que o leva a revisitar os seus inicios, os seus modelos e proxectos literarios, os obstáculos na súa carreira, a súa militancia política, e o abandono e posterior regreso á súa profesión de escritor.

Logo de sete anos de traballo este documental ve por fin a luz. Unha peza audiovisual que non só fai un repaso pola vida do escritor compostelán, senón que ademais presenta o encontro con 26 persoas e colectivos cos que Suso de Toro compartiu as conversas que van construíndo “Suso. Fóra de lugar”, e que reflexionan sobre o seu traballo, a súa vida e as dificultades de ser escritor galego, tanto dentro como fóra de Galiza.

Este é a segunda longametraxe na que participa Alberto Sacido, que en 2014 presentou 'Unitarias', unha longametraxe documental que reconstrúe a historia das escolas do rural de Galicia a través da vida do seu pai, un mestre que empezou traballando nestas escolas nos anos 60. Mediante as súas experiencias, o documental presenta os cambios que tiveron que asumir xuntos profesorado e alumnado durante o último medio século.

A produción de 'Suso. Fóra de lugar' contou co apoio fundamental de Culturactiva, que foi a entidade que proveeu de recursos e asistencia técnica para facer posible a súa realización. Pola súa banda, este documental recibiu financiamento para a postprodución da Deputación da Coruña dentro da convocatoria de Proxectos Singulares do 2023, apoiando tamén a xira de presentación deste documental.

A primeira presentación de 'Suso. Fóra de lugar' realizouse o 17 de abril en Santiago de Compostela, e xa foi presentado en Outes e Ribeira. En Betanzos, a presentación terá lugar o 11 de maio, ás 20 horas no Cine Alfonsetti. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo. Ademais, o próximo día 26 realizarase unha última presentación en Cedeira.

SusodeToro_Betanzos