O documental BRAVÚ celebrará os seus 30 anos no Teatro Colón

ACoruñaXa
O Teatro Colón acollerá o 22 de novembro a estrea de “BRAVÚ XXX” e un concerto especial da Orquestra Bravú Xangai, con artistas invitados e numerosas sorpresas
Documental Bravú en Coruña
8 Nov 2024

Este mes de novembro, A Coruña celebra o 30 aniversario do movemento bravú, que supuxo unha revolución cultural e musical en Galicia. Para conmemorar este fito, o Teatro Colón acollerá o vindeiro venres 22 de novembro, ás 21.00 horas, a proxección de “BRAVÚ XXX”, un documental protagonizado por Xurxo Souto, antigo líder dos Diplomáticos de Monte Alto e un dos rostros máis recoñecidos do bravú. A película, producida por Nós Televisión en colaboración co Concello, será de entrada libre até completar aforo e aberta a todos os públicos.

Ademais da estrea do documental, o evento contará cun concerto en directo da Orquestra Bravú Xangai, que reunirá sobre o escenario músicos emblemáticos do bravú como Sés, Xosé Manuel Pereiro e outros convidados sorpresa, para ofrecer unha actuación única en homenaxe ao legado deste movemento.

O acto foi presentado hoxe polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen estivo acompañado por Xurxo Souto e Sés, ambos participantes no documental, así como pola xornalista Ana Viqueira, en representación de Nós Televisión. “A Coruña é clave para a historia da música en galego, especialmente para o bravú, que aquí tivo unha gran repercusión cultural,” sinalou Gonzalo Castro. Souto, pola súa parte, subliñou a importancia de que “o Bravú chegue ao simbólico Teatro Colón”, destacando a pegada duradeira deste movemento nunha Galicia “aberta, moderna e culturalmente ambiciosa.”

BRAVÚ XXX é un documental onde Xurxo Souto nos leva a un percorrido polo cosmos bravú, 30 anos despois do seu nacemento, explorando a súa historia e a influencia que deixou en Galicia. A estrea e o concerto conmemorativo serán unha ocasión única para celebrar o bravú e rememorar este movemento que abriu un camiño propio e valente na música galega.

 

 

0.2001519203186