O director de Turismo de Galicia Xosé Manuel Merelles pregoará a Feira 1900 de Curtis

A Feira 1900 de Curtis xa ten pregoeiro oficial. O director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, será o encargado de dar a lectura de saída a unha das recreacións históricas máis singulares e atractivas de toda a provincia coruñesa, que se celebrará os días 25 e 26 de xullo.
A designación de Merelles sitúa o evento nunha posición inmellorábel para a súa promoción exterior. O actual director autonómico conta cunha andaina moi ligada ao sector, xa que estivo á fronte do departamento de comunicación de Turismo de Galicia durante 24 anos antes de asumir o seu cargo actual en 2023. O seu coñecemento en estratexias de difusión axudará a impulsar este proxecto local que recrea o nacemento das feiras arredor da estación de tren de Curtis a finais do século dezanove.
O programa lúdico da fin de semana complétase con dúas actuacións musicais de gran formato na vila. O sábado actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, mentres que o domingo será a quenda de Xosé Lois Romero e Aliboria, dous dos máximos expoñentes do folclore galego actual.