O deseño galego sae á rúa coa Galicia Design Week

A Galicia Design Week dará este martes un dos pasos máis visibles da súa sétima edición coa apertura de dúas exposicións a ceo aberto na avenida do Porto, na zona da Mariña. O festival traslada así parte da súa programación ao centro da Coruña co obxectivo de achegar o deseño galego á cidadanía dun xeito directo, gratuíto e accesible.
O acto de inauguración celebrarase ás 12.00 horas e servirá para abrir ao público as mostras 'Designed in Galicia' e '#novodeseñogalego'. A cita contará coa presenza de deseñadoras participantes, da dirección do festival, representantes institucionais da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña, así como patrocinadores da iniciativa.
'Designed in Galicia' ofrecerá unha panorámica do mellor deseño creado en Galicia durante o último ano. A exposición reunirá pezas e estratexias recoñecidas en certames de prestixio nacional e internacional, poñendo o foco na capacidade do sector para competir dentro e fóra do territorio galego. A instalación foi deseñada e fabricada por Grupo Malasa e poderá visitarse ata o 14 de xuño.
A segunda mostra, '#novodeseñogalego', estará centrada no talento emerxente. A exposición reúne 20 proxectos asinados por 10 perfís de distintas disciplinas: Álvaro Bellón, Ana Inés Jabares Pita, Andrea Ures, Lamaelume, Laura Campos, María Cereijo, mariOLéiro, Nuclear, Pesqueira e Zeltia Iglesias. Esta proposta permanecerá instalada na contorna da Mariña ata o 4 de xuño.
A programación do martes completarase pola tarde en Restory, onde se celebrará a segunda quenda de presentacións vinculadas a '#novodeseñogalego'. O encontro terá lugar de 19.00 a 21.00 horas, con entrada libre ata completar capacidade, e contará coa participación de Álvaro Bellón, LamaeLume, MariOLéiro, Pesqueira e Zeltia Iglesias.
A Galicia Design Week, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, consolídase como unha das principais citas do deseño galego. O festival naceu en 2021 impulsado pola axencia Follow e desde 2024 está coorganizado pola asociación Galicia Design, cun programa que combina exposicións, encontros profesionais, formación e actividades abertas ao público.