O deseño da fachada marítima, chave para unha Coruña máis verde e resiliente

A Comisión da Fachada Marítima, presidida por Francisco Jorquera, concluíu este venres a rolda de comparecencias de expertos que analizaron o futuro deseño da fronte marítima da Coruña. Estas intervencións puxeron sobre a mesa propostas centradas na sustentabilidade ambiental, o aproveitamento do porto interior como motor económico e a mellora da mobilidade metropolitana.
A rolda comezou co presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, quen destacou a importancia de manter a funcionalidade do porto interior. Posteriormente, Carlos Nárdiz, autor do informe da UDC sobre a transformación do porto, expuxo ideas para unha integración harmónica entre a cidade e a dársena.
Seguíronlle voces do ámbito técnico, como Enrique Urcola, presidente do Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canles e Portos de Galiza, e Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe, quen fixeron propostas relacionadas coa infraestrutura e a paisaxe urbana.
Tamén participaron representantes de colectivos sociais, como Manuel Monge e Paulo Sexto, en defensa dos bens comúns, e figuras do sector pesqueiro, como Javier Mariñas e Alberto Castro, que destacaron a relevancia do porto para a economía produtiva local.
A última comparecencia, a cargo de Ruth Varela e Emilio Rodríguez Blanco, do Colexio de Arquitectos de Galiza, enfatizou a oportunidade de corrixir o déficit de zonas verdes e integrar solucións climáticas, ademais de propoñer a creación dun intercambiador en San Diego para mellorar a mobilidade.
Segundo Jorquera, estas sesións supoñen unha base sólida para deseñar unha fachada marítima que combine sustentabilidade, economía produtiva e melloras urbanas.