O Deportivo recibe a licenza para comezar a rehabilitación da Torre de Marathón de Riazor

Un dos símbolos máis queridos do patrimonio deportivo herculino será restaurado por completo. O Concello da Coruña concedeu de xeito oficial a licenza urbanística ao Real Club Deportivo para acometer os traballos de conservación e rehabilitación da Torre de Marathón, así como para mellorar a súa conexión física co Estadio Municipal de Riazor. As obras contan cun orzamento de execución de 200.658,25 euros e deberán dar comezo nun prazo máximo de medio ano.
O proxecto conta cun período de execución estimado de doce meses dende a notificación formal do permiso de obra. Esta intervención encaixa dentro do plan de mellora que o Concello e o club ligan á modernización integral de toda a contorna deportiva do complexo de Riazor, un espazo que engloba as bancadas do estadio, o Palacio dos Deportes e os espazos públicos de tránsito adxacentes.
A alcaldesa herculina sinalou que a colaboración co club de fútbol local responde á vontade de acadar unhas instalacións de calidade que estean á altura das esixencias actuais da alta competición e que resulten de utilidade para a cidade. Inés Rey amosouse disposta a cooperar en todas as melloras que redunden nun beneficio directo para os seareiros do equipo e o conxunto dos coruñeses.