O deporte coruñés tomará Riazor cunha xornada aberta a máis de 60 modalidades

A Cidade Deportiva de Riazor e as praias de Riazor e Orzán converteranse este domingo 14 de xuño no gran escaparate do deporte coruñés coa celebración do XXXIX Día do Deporte na Rúa. A cita reunirá a preto de 90 clubs, federacións e entidades, que achegarán á cidadanía máis de 60 modalidades deportivas.
A xornada, que serve como peche do curso 2025-2026 das Escolas Deportivas Municipais e das entidades deportivas da cidade, desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas. Este ano amplíase unha hora o horario habitual para dar resposta á alta participación prevista.
As actividades concentraranse na contorna da Cidade Deportiva de Riazor, mentres que as modalidades náuticas terán presenza nas praias de Riazor e Orzán. A veciñanza poderá probar disciplinas como atletismo, baloncesto, bádminton, boxeo, escalada, ximnasia, marcha nórdica, xadrez, vela, piragüismo, surf, paddle surf ou waterpolo, entre outras.
A programación comezará ás 09.30 horas coa saída do club Oysho Running desde a explanada das Esclavas, cun quecemento previo e un percorrido de 5 quilómetros. A partir das 10.30 horas, no mesmo espazo, celebrarase tamén unha actividade polo Día Internacional do Ioga.
Unha das principais novidades será a incorporación das actividades do Día do Xogo na praza de Portugal, cun espazo específico para nenos e nenas de 2 e 3 anos. A zona contará con circuíto de psicomotricidade, xogos de construción, pintura, mesas de area, tatuaxes infantís e reparto de globos. Ademais, o Palacio dos Deportes disporá dunha estancia de lactancia e cambiadores.
A participación será gratuíta e non será necesaria inscrición previa. Tamén se repartirán 2.500 camisetas entre as primeiras persoas participantes e haberá un sorteo de material deportivo entre quen complete a súa tarxeta de participación.