O deporte bergondés presume de canteira e participación na súa terceira gran xornada

O III Día do Deporte de Bergondo reuniu este sábado a decenas de veciños e veciñas no albergue e na praia de Gandarío, nunha cita pensada para achegar á cidadanía o traballo dos clubs locais e fomentar a práctica deportiva entre persoas de todas as idades.
A xornada arrancou cunha elevada participación de nenos, mozos e familias, que puideron probar diferentes modalidades en espazos habilitados para a ocasión. Entre as propostas figuraron escalada, tiro con arco, fútbol praia, vólei praia, kaiaks, xogos populares e disciplinas alternativas como goalball ou kin-ball.
Un dos atractivos da actividade foi o sistema de selos por cada proba completada, unha dinámica que animou ás persoas participantes a percorrer os distintos puntos deportivos co obxectivo de conseguir o premio final.
Durante o día tamén se desenvolveron exhibicións a cargo das entidades colaboradoras. Nesta terceira edición participaron o Club Rítmica Ausarta, o Club Atlético Bergondo (CAB), o Club Ciclista Skapaos, o CB Bergondo, a APA As Mariñas do CPI Cruz do Sar, o Club de Salvamento SASA e a APA As Escoliñas.
A partir das 14.00 horas celebrouse unha degustación para as persoas que retiraran previamente o seu tícket na Casa da Cultura, unha pausa para recuperar forzas antes de continuar co programa da tarde.
O Concello de Bergondo agradeceu a colaboración das entidades deportivas, da Xunta de Galicia, das familias e do voluntariado, cuxa implicación permitiu sacar adiante unha nova edición desta cita.