O deporte base e os clubs locais optarán a 372.000 euros en axudas municipais en 2026

ACoruñaXa
O pleno de Arteixo aproba as bases de concorrencia competitiva nun concello no que máis de 17.000 persoas están inscritas nas instalacións e programas deportivos
ARTEIXO casa do concello
Imaxe de Noelia Uceira
26 Mar 2026

O pleno municipal de Arteixo deu luz verde ás bases de concorrencia competitiva para a concesión de subvencións destinadas ás entidades deportivas no ano 2026, cunha dotación global de 372.000 euros. A medida reforza a aposta do Concello polo tecido deportivo local e pola promoción da actividade física, nun municipio que destaca tanto polo volume de investimento como polo alto uso das súas instalacións.

Segundo os datos recollidos na Base de Datos Nacional de Subvencións, Arteixo é o concello galego de entre 20.000 e 50.000 habitantes que máis recursos destina a subvencións deportivas. O investimento alcanza os 10,59 euros por habitante e ano, por riba doutros municipios da contorna e de tamaño semellante como Culleredo, Oleiros, Ames ou Vilagarcía. Só Carballo presenta cifras próximas, con 10,26 euros por veciño e ano.

A finalidade destas axudas é apoiar a actividade das entidades locais sen ánimo de lucro, tanto na creación e mantemento de programas deportivos como no impulso do deporte base e do deporte para todos. As subvencións tamén permitirán colaborar na organización de eventos, no desenvolvemento de iniciativas orientadas á actividade física saudable e no apoio a deportistas arteixáns a título individual que acrediten dedicación e proxección competitiva.

A convocatoria reserva tamén espazo para a promoción dos deportes autóctonos e tradicionais. O Concello considera prioritario contribuír á súa conservación, difusión e exhibición a través do respaldo ás entidades que traballan neste ámbito.

O peso do deporte en Arteixo reflíctese tamén no número de usuarios. Máis de 17.000 persoas están inscritas nalgunha das actividades ou servizos deportivos municipais, o que supón que un de cada dous veciños participa dalgún xeito nesta oferta. En termos porcentuais, representa o 49,5 por cento da poboación, cun incremento de usuarios do 40 por cento nos últimos catorce anos.

Entre os programas máis demandados figuran as Escolas Deportivas Municipais, as Actividades Deportivas Extraescolares, a Natación Escolar e o Programa Deportivo de Verán. A esta oferta súmanse os servizos que prestan instalacións como o complexo deportivo de Arteixo ou o de Pastoriza-Meicende. Para desenvolver toda esta estrutura, o Concello articula diferentes vías, entre elas os contratos para a prestación de servizos, os convenios de promoción con clubs e entidades e a xestión de escolas municipais en instalacións públicas.

En canto ás disciplinas con maior seguimento, destacan actividades como a ximnasia de mantemento e o pilates, aínda que deportes como o fútbol, o baloncesto e o balonmán seguen situándose entre os máis reclamados pola veciñanza. Coa aprobación destas bases, Arteixo afianza a súa liña de apoio ao deporte local e consolida unha política de impulso á práctica deportiva con ampla implantación social.

0.12530398368835