O Dépor xa leva oficialmente o nome da Coruña tras o apoio masivo da súa afección

GaliciaXa | ACoruñaXa
O 79,41% dos abonados que participaron na consulta votou a favor de adaptar a denominación do club ao topónimo oficial da cidade
aficion-depor-maria-pita
23 Jun 2026

O Deportivo xa é, tamén no seu nome oficial, da Coruña. A Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas aprobou este martes 23 de xuño a modificación da denominación social do club, que pasa a chamarse Real Club Deportivo de A Coruña en castelán e Real Club Deportivo da Coruña en galego.

A decisión chega despois da consulta vinculante realizada entre a masa social do club entre o 17 e o 21 de xuño. A participación acadou o 55,96% do censo con dereito a voto e o resultado foi contundente: o 79,41% dos votos válidos apoiou a adaptación do nome á toponimia oficial da cidade.

O cambio deixa atrás a denominación Real Club Deportivo de La Coruña e supón tamén a modificación do artigo 1 dos estatutos sociais da entidade. A proposta foi aprobada por unanimidade polos accionistas presentes na xunta, na que estaba representado o 99,864% do capital social.

A consulta ofrecía dúas opcións: manter o nome anterior ou incorporar a forma oficial A Coruña, tanto na denominación do club como nos seus elementos gráficos. Co resultado deste martes, o Deportivo pecha un debate histórico e abre unha nova etapa coincidindo co seu 120 aniversario e co regreso á Primeira División.

A mudanza terá efectos na comunicación institucional, nos documentos oficiais e na imaxe corporativa do club. Tamén obrigará a adaptar o escudo, que deixará atrás a referencia á antiga denominación para asumir a nova identidade aprobada pola afección e ratificada polos accionistas.

0.13784503936768