O Dépor celebra o ascenso en María Pita arroupado por miles de afeccionados

O Deportivo da Coruña continúa cos actos de celebración polo seu regreso ao fútbol profesional. O equipo foi recibido esta tarde no Concello da Coruña, nun acto celebrado en María Pita no que participaron os xogadores, o corpo técnico e representantes da corporación municipal.

Na recepción estiveron presentes todos os grupos políticos do Concello, ademais da alcaldesa da cidade, Inés Rey, que felicitou ao club polo ascenso e destacou a importancia deste momento para a afección deportivista tras oito anos de espera.
“O Dépor é de Primeira”, reivindicou a alcaldesa, que puxo en valor a conexión do equipo coa cidade e coa afección. “Se por algo se recordará este Dépor é pola conexión coa xente”, sinalou, engadindo que “miles estamos animando” e agradecendo o apoio vivido durante toda a tempada.
“Foron oito anos escuros, ata baixar á Primeira Federación”, sinalou a alcaldesa, que destacou que, a pesar desa etapa, “defendemos este escudo e esta camiseta” e puxo en valor a fidelidade da afección, lembrando que “a afección estivo sempre, vivindo e crendo no equipo”. O club “chegou ao sitio que lle corresponde”, salientou Rey, que se se definiu como “alcaldesa coruñesa e deportivista”. “Isto non é fácil, moitos quedaron polo camiño, pero os resultados chegan”, dixo poñendo en valor o traballo de todo o equipo. “Seredes sempre recordados pola nosa cidade”.
Durante o acto tamén tomaron a palabra o adestrador do conxunto branquiazul, Antonio Hidalgo, e o capitán do equipo, Diego Villares. O futbolista agradeceu a recepción en María Pita e asegurou que o ascenso “pertence á cidade, non só ao club”.

Villares destacou ademais o respaldo recibido por parte da afección e de toda a cidade ao longo da tempada. “Tivemos o apoio da cidade en todo momento”, sinalou, ao tempo que agradeceu “o cariño e o esforzo de todo o ano”.
O capitán deportivista asegurou que o equipo regresa “feliz” ao fútbol profesional e volveu dar as grazas á afección polo apoio mostrado durante toda a campaña.
Pola súa banda, Hidalgo agradeceu o apoio da afección, do presidente e do club durante toda a tempada. O técnico recoñeceu que o equipo atravesou “momentos duros” e quixo destacar o traballo realizado tanto polo corpo técnico como pola plantilla, á que agradeceu o seu esforzo e capacidade de loita para lograr o ascenso.
O presidente do club, Juan Carlos Escotet, aproveitou para lembrar que o ascenso “pertence a moita xente”, agradecendo “aos que estiveron sempre, a quen o herdaron, a quen viaxou quilómetros e aos nenos que teñen a esperanza que lles transmiten os seus pais”.
Respecto ao futuro do equipo, subliñou que a Primeira División “esixe traballo, ambición e profesionalidade” e fixo fincapé en que o obxectivo do club é “consolidar o equipo e facelo máis estable e preparado para o futuro”. “Non o cremos, traballámolo e conseguímolo”, afirmou o presidente, que sinalou que desde o club “sempre haberá vontade de diálogo e traballo polo interese xeral da cidade”.

Ao rematar a recepción oficial, os xogadores saíron ao balcón a saudar aos miles de afeccionados e afeccionadas que os agardaban na praza de María Pita para celebrar un día histórico para a cidade, que tras oito anos de loita conseguiu devolver o seu equipo ao máis alto. A multitude respondeu con cánticos constantes, berros de alegría e aplausos que enchían toda a praza, nun ambiente de festa no que a emoción e a euforia se deixaban sentir en cada recuncho.
Desde o equipo quixeron agradecer especialmente a toda a afección polo apoio recibido durante todos estes anos, lembrando que nunca os abandonou nos momentos difíciles. Agora, o conxunto comeza unha nova etapa no lugar que lle corresponde.