O delegado do Goberno reivindica no Día do Homenaxe ás Vítimas do Exilio que a 'Memoria é Democracia'
Este 8 de maio celébrase o Día do Homenaxe ás Vítimas do Exilio e con motivo desta data o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou a Casa Museo Casares Quiroga na Coruña coa fin de reivindicar o compromiso absoluto do Goberno coas políticas de memoria “porque a Memoria é Democracia”
Neste sentido Pedro Blanco visitou o museo coruñés que lembra ao expresidente da II República Santiago Casares Quiroga, “para recordar aos miles de galegos, homes e mulleres, que sufriron o exilio como consecuencia do golpe, a guerra e a ditadura franquista”. Fíxoo acompañado da subdelegada na provincia, María Rivas, e do concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro.
“Nestes tempos nos que a dereita e a ultradereita se empeñan en ocultar, denigrar e equiparar a vítimas con verdugos, o Goberno defende a Memoria Democrática e os dereitos humanos; porque, precisamente, disto trata a lei que a impulsa e que este Goberno desenvolveu, de dignificar a historia para reparar o dano de todas as vítimas, como vén de avalar a ONU”, sinalou o delegado, que tamén destacou, nesta liña, “a necesidade de verdade, xustiza e reparación” para “manter viva cada día a memoria democrática en España”.
O delegado lembrou a firme intención do Goberno de facer cumprir en todo o seu territorio a devandita Lei de Memoria Democrática, tal e como manifestou o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres. Neste eido, definiu como “un retroceso” as chamadas leis de concordia dos Gobernos de Aragón, a Comunidade Valenciana e Castela e León, “pois pretenden silenciar a memoria das vítimas da ditadura franquista”.
Así mesmo, Pedro Blanco subliñou a importancia das accións que está desenvolvendo o Goberno para reparar e dignificar a memoria de todos e todas aqueles que sufriron a represión franquista, “financiando investigacións e exhumacións, recuperando espazos que lle foron usurpados á cidadanía ou impulsando políticas de memoria cun compromiso firme e irrenunciable”.
A execución da Lei de Memoria Democrática
O artigo 8 da Lei de Memoria Democrática establece o 8 de maio como Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio. Esta data coincide coa vitoria definitiva das tropas aliadas sobre as nazis e fascistas, poñendo fin á Segunda Guerra Mundial, unha xornada conmemorada en Francia como "Día da Vitoria".
O delegado do Goberno fixo fincapé en que, desde o ano 2020 ata hoxe, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática financiou actividades por máis de 435.000 euros en Galicia, case un 50% a través da Xunta nas Conferencias Sectoriais, “o que supón unha media de 103.000 euros ao ano para investigacións, publicacións, recuperación de espazos e exhumacións”.
Neste senso, o Pazo de Meirás é un dos referentes da recuperación da Memoria Democrática do noso país, recuperado polo Goberno e que actualmente ofrece visitas que serven para explicar a realidade da historia recente de España, desde un punto de vista democrático.
As outras grandes accións levadas a cabo en Galicia son as exhumacións, como a executada no concello de Narón, con traballos de prospección e localización de ata 51 vítimas do franquismo en colaboración coa Universidade de Santiago, o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e a Asociación Memoria Histórica Democrática. Así mesmo, na fosa do cemiterio de Viana do Bolo véñense de exhumar os restos dunha persoa que pode ser Anuncia Casado, sindicalista recoñecida pola defensa do campesiñado, e coñecida como a Pasionaria galega.