O Delegado do Goberno en Galicia presenta os 52 novos Puntos Violeta das oficinas do SEPE

ACoruñaXa
Cada un dos puntos repartidos pola Comunidade Autónoma estará identificado como tal e contará cun código QR que estará vinculado á Guía Punto Violeta, con información sobre como actuar ante casos de agresións, recursos para as vítimas e información de interese
Imaxe da presentación dos puntos violeta na Subdelegación do Goberno na Coruña
1 Mar 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou esta mañá de venres na dirección provincial da Coruña os Puntos Violeta cos que contarán as 52 oficinas do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE) de Galicia e que servirán como lugares seguros para mulleres vítimas de agresións machistas.

Pedro Blanco valorou o impacto que teñen accións coma esta na consolidación do obxectivo de facer a Administración Pública “un espello do compromiso inequívoco do Goberno de Pedro Sánchez coa erradicación da violencia machista en todas as súas formas”. Fixo fincapé tamén no “lugar seguro e de apoio” no que se converterán todas as oficinas do SEPE para todas as mulleres que sofren violencia física, psicolóxica e mesmo económica.

O delegado destacou que na actualidade preto de 4.800 mulleres en Galicia están no sistema de protección e seguimento contra a violencia de xénero do Ministerio do Interior, así como o feito de que máis de 1.100 homes galegos sexan agresores persistentes. “Non é unha mera estatística, pois cada caso fala dunha muller, dunha situación persoal moi difícil, que precisa de apoios psicolóxicos, sociais e económicos”, indicou Pedro Blanco.

No acto, no que o delegado estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a directora provincial do SEPE na Coruña, Estefanía Pita; os directores e directoras das catro oficinas do servizo na cidade da Coruña; a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno, María Debén, e a xefa da Unidade contra Violencia sobre a Muller da Coruña, Manuela Villaboy, explicou que a creación destes Puntos Violeta nas oficinas do SEPE levará aparellada unha formación para os directores e directoras das oficinas, de xeito que queden convertidos en expertos de referencia aos que acudir ante un caso de violencia.

Cada un dos puntos estará identificado como tal e contará cun código QR que estará vinculado á Guía Punto Violeta, con información sobre como actuar ante casos de agresións, recursos para as vítimas e información de interese para saber identificar actitudes machistas e poñerlles freo.

Este recurso forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios no contexto de alarma machista dos últimos meses. Supón, ademais, un cambio de enfoque nas políticas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que debe ser atacado dende a implicación de todas as institucións do Estado.

Coa posta en marcha desta iniciativa, a Delegación do Goberno inicia os actos con motivo do 8M, Día da Muller, que terán continuidade con outras accións, como o despregamento de pancartas nas subdelegacións do Goberno, cursos de formación para actuar ante situacións de violencia contra mulleres estranxeiras e un coloquio con rapazas e mulleres novas no Muncyt, entre outros. Todos eles forman parte dunha axenda feminista que a Delegación do Goberno xa está a estender a todos os meses do ano.

0.19853210449219