O delegado do Goberno destaca os avances nos dereitos das persoas con discapacidade nunha reunión con Fademga

ACoruñaXa
Pedro Blanco sinalou durante o encontro que coa modificación do artigo 49 da Constitución, a primeira de contido social da Carta Magna, o Goberno “salda unha débeda moral”
O delegado do Goberno xunto ao presidente da FADEMGA este venres na Coruña
23 Feb 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantivo un encontro de traballo co secretario de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Miguel López, con quen repasou os avances en dereitos para as persoas con discapacidade durante o Goberno de Pedro Sánchez.

Nesta liña, o delegado salientou a recente modificación do artigo 49 da Constitución Española, que amplía os dereitos das persoas con discapacidade e elimina do texto a expresión "diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos".

Sobre esta modificación, a terceira desde a entrada en vigor da Constitución e a primeira de contido social, Blanco apuntou que “salda unha débeda moral coas persoas con discapacidade", ao tempo que pon de manifesto que “o transcendente da política é o efecto que ten sobre a vida das persoas”.

Durante o encontro, o delegado e o secretario de FADEMGA tamén repasaron a aplicación da reforma introducida no Código Civil para modificar e adaptar as medidas de apoio ás persoas con discapacidade ao principio xeral de que todas as persoas teñen capacidade xurídica en igualdade de condicións coas demais en todos os aspectos da vida.

A este respecto, Pedro Blanco sinalou que esta modificación supón na práctica que se substitúan as medidas protectoras por outras de apoio. “Xa non se tutela, agora se apoia á persoa con discapacidade na medida en que o necesite”, apuntou.

Pola súa banda, Miguel López trasladou ao delegado algunhas das demandas do colectivo, que pasan por estender as deducións fiscais no caso das gardas de feito ou por incluír expresamente no proxecto de lei de familias a aquelas conformadas por familiares sobre os que se estableceu algunha medida xudicial de apoio, con independencia da tipoloxía da mesma.

Pedro Blanco comprometeuse a facer chegar as demandas do colectivo ao ministro da Presidencia, Félix Bolaños, e á titular de Facenda, María Jesús Montero, para seguir mellorando a vida dos galegos e galegas con discapacidade, facelos protagonistas dos seus actos e avanzar na recuperación da súa dignidade.

 

0.18802809715271