O delegado do Goberno anuncia o remate inminente das obras de rexeneración da ría do Burgo

ACoruñaXa
Pedro Blanco cualifica a actuación impulsada na ría do Burgo polo Ministerio para a Transición Ecolóxica como “modélica a nivel técnico, ambiental e institucional”
Imaxe da plantación de árbores este mércores no paseo marítimo do Burgo
20 Mar 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou este mércores a culminación inminente da obra de dragado e rexeneración da Ría do Burgo, co inicio da reforestación das zonas verdes que completan a actuación.

Pedro Blanco desprazouse ata Culleredo, onde participou na plantación das dez primeiras árbores que formarán parte dos novos espazos de uso público incluídos neste proxecto de recuperación ambiental, que executa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A plantación contou coa participación de nenos e nenas da Asociación Down Coruña, no marco dun taller que organiza esta asociación con motivo do Día do Síndrome de Down e o Día da Árbore, que se celebran mañá, 21 de marzo.

Durante o acto, o delegado puxo en valor como o Goberno afrontou en solitario esta obra, na que investiu un total de 37,5 millóns de euros. Desta cantidade, 3,7 millóns foron destinados a compensar aos mariscadores da Ría que tiveron que paralizar a súa actividade neste tempo “a través dun novidoso procedemento deseñado e aprobado por esta Administración”, engadiu.

Na actividade plantáronse 10 exemplares de sabugueiro e bidueiro e participaron, ademáis, a subdelegada do Goberno na Coruña, Maria Rivas; o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; o vicepresidente de Down Coruña, Enrique Pena, e o xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Carlos Gil.

Pedro Blanco lembrou que o proxecto da Ría do Burgo é a actuación de rexeneración ambiental dun sistema costeiro máis ambiciosa da historia de España, e que foi posible “grazas ao persoal técnico e de obra, á colaboración cos concellos e ao impulso da sociedade civil”, recoñeceu. Esta implicación e esforzo “fan que esta actuación sexa modélica, tanto a nivel técnico, sendo referencia nacional e internacional; como a nivel medioambiental, asociado a un intenso programa de vixilancia; e a nivel institucional, con contactos permanentes coas administracións e colectivos profesionais implicados”.

As obras de dragado comezaron a principios de 2022 e durante este tempo retiráronse do fondo da ría 583.000m3 de material contaminado nun procedemento cualificado como “cirúrxico” pola súa minuciosidade. Ao tempo, preserváronse 227.000m2 de hábitats e creáronse 70.000 m2 de zonas verdes que permiten dar continuidade ao paseo ao redor da ría. Tamén se restituíron os canais da ría, os bancos marisqueiros e o fondo da lagoa de Culleredo e unha parte do material destinouse a recuperar a Praia de Santa Cristina. Así mesmo, o proxecto inclúe un minucioso control ambiental durante 10 anos que se estende antes, durante e despois das obras.

0.19098401069641