O debate sobre o impacto das plantas de biogás chega a Teixeiro nun acto aberto á veciñanza

ACoruñaXa
O BNG de Curtis celebrará este venres 17 ás 20.00 horas no Centro Etnográfico de Teixeiro unha charla sobre o futuro destes proxectos en Galicia coa participación de Lucas Quintas, Olaia Ledo e Daniel López Vispo
CURTIS planta biometano
17 Apr 2026

O BNG de Curtis organizará este venres 17 un acto público para analizar o futuro das plantas de biogás en Galicia e o efecto que este tipo de proxectos pode ter no territorio. A cita desenvolverase ás 20.00 horas no Centro Etnográfico de Teixeiro e está aberta á participación da veciñanza.

Na charla intervirán Lucas Quintas, voceiro da formación nacionalista en Curtis, Olaia Ledo, integrante da Executiva Nacional do BNG e responsable de ecoloxismo, e Daniel López Vispo, activista de Adega. O encontro nace co obxectivo de achegar información sobre a implantación deste tipo de industrias e abrir un espazo para resolver dúbidas entre a poboación.

Desde o BNG sinalan que a expansión de proxectos vinculados á produción de biometano, especialmente no caso de Teixeiro, está a xerar inquietude entre a veciñanza pola falta de información e polas posibles consecuencias ambientais. A organización cuestiona ademais o modelo de desenvolvemento asociado a estas iniciativas e considera necesario explicar con detalle o seu alcance e as súas implicacións.

A formación nacionalista defende que o acto permitirá poñer sobre a mesa unha análise máis ampla sobre as plantas de biogás e sobre o modelo territorial e industrial que, ao seu xuízo, debería aplicarse en Galicia. Con esta convocatoria, o BNG busca converter a sesión nun foro aberto de información e debate arredor dun asunto que gaña peso no municipio.

0.1381618976593