O Curruncho estrea novas instalacións para practicar deporte na praia en Sada

O Curruncho conta desde esta semana con novos equipamentos deportivos para a tempada de verán. O Concello de Sada, a través da Concellería de Deportes, instalou na zona porterías de fútbol praia e unha nova rede de vólei praia, co obxectivo de ampliar as opcións de lecer e actividade física ao aire libre nos areais urbanos.
A actuación busca mellorar os servizos dispoñibles nun dos espazos máis concorridos do litoral sadense, especialmente durante os meses de maior presenza de veciñanza e visitantes. As novas instalacións permitirán diversificar os usos da praia e favorecer unha práctica deportiva accesible nunha contorna natural.
Esta intervención súmase aos traballos de acondicionamento realizados nos últimos días nos areais de Sada Nova e As Delicias, dentro do plan municipal para preparar as praias de cara á chegada do verán. Desde o Concello apelan á colaboración cidadá para facer un uso responsable das instalacións, coidalas e respectalas, co fin de que poidan manterse en boas condicións durante toda a tempada estival.