O Coro Infantil e o Coro Xove da OSG actúan este martes no Teatro Colón

ACoruñaXa
A canteira da agrupación protagoniza unha actuación que tocará unha ampla diversidade de xéneros e ritmos, con composicións de Händel, Karl Jenkins, Rachmaninov e tamén ritmos brasileiros
Imaxe do Coro Joven da Orquesr Sinfónica de Galicia
25 Mar 2024

O Coro Infantil e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), canteira de talentos da prestixiosa agrupación, protagonizan este martes 26 un concerto especial de primavera que terá lugar no Teatro Colón, a partir das 19.00 horas.

Esta actuación atópase integrada na programación cultural impulsada polo Goberno local neste primeiro trimestre do ano e forma parte do proxecto 'Son Futuro', unha iniciativa educativa da OSG que abre camiño e visibiliza ás novas xeracións de músicas e músicos que se forman nas ringleiras da Sinfónica de Galicia.

No evento deste martes haberá tempo para gozar con pezas compostas por figuras como Georg Friedrich Händel, Ralph Vaughan Williams e Sergei Rachmaninov, entre outros. Tamén co ‘Adiemus’ de Karl Jenkins. Haberá, en todo caso, unha ampla diversidade de xéneros e ritmos no programa da sesión, que se verá plasmada, por exemplo, coa interpretación da ‘Samba lelê’, música de ritmo brasileiro.

A directora do Coro Infantil da Sinfónica de Galicia será Sofía Rodríguez, acompañada de Isabel Romero como pianista. No caso do Coro Xove, levará a batuta Daniel G. Artés, con Ludmila Orlova ao piano.

As entradas para asistir á actuación xa están á venda, cun custo xeral de 5 euros e de 2 euros para as persoas menores de 18 anos. Estes pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense e na web de Ataquilla. Tamén se habilitará a venda no Teatro Colón o propio día do concerto, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

0.17784309387207