O Consorcio As Mariñas reivindica unha sociedade igualitaria cunha andaina contra a violencia de xénero
O Consorcio As Mariñas celebrou hoxe a XI Andaina contra a violencia de xénero, un evento simbólico no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o 25 de novembro.
A andaina, organizada este ano en Bergondo, reuniu ás 11:00 horas a persoas participantes no pavillón polideportivo de Guísamo, desde onde comezou un roteiro circular deseñado especialmente para a ocasión. Ás 12:00 horas, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, deu a benvida aos asistentes, e o presidente do Consorcio As Mariñas, Xosé Antonio Santiso Miramontes, leu un manifesto en nome da entidade.
No texto, fíxose fincapé na urxencia de poñer fin á violencia que sofren as mulleres polo feito de selo, cualificándoa como un problema estrutural que require unha transformación colectiva das estruturas sociais que perpetúan o machismo e a desigualdade. Destacaron tamén a importancia dun compromiso activo das institucións para acabar con estas actitudes patriarcais.
O acto pechouse cunha actuación dun cuarteto de música tradicional, que puxo o broche final a unha xornada cargada de significado e compromiso.
Segundo os datos presentados, 1.284 mulleres foron asasinadas por homes que eran ou foran as súas parellas desde 2003, 40 das cales no que vai de ano 2024. Máis de 95.000 denuncias por violencia machista reflicten que, a pesar dos avances, segue sendo necesaria unha acción contundente e continuada para erradicar este problema.