O Consorcio As Mariñas impulsa un novo contrato para mellorar a recollida do lixo nos oito concellos

O pleno do Consorcio As Mariñas aprobou este xoves por unanimidade os pregos que rexerán a nova contratación do servizo de recollida e transporte de residuos, o principal que xestiona a entidade. A nova licitación, cun importe superior aos 16 millóns de euros anuais, incluirá tamén a xestión dos puntos limpos e substituirá ao contrato anterior, actualmente prorrogado.
Na sesión participaron o presidente do Consorcio e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, xunto coas alcaldesas de Betanzos, María Barral; Bergondo, Alejandra Pérez; Cambre, Diana Piñeiro; os alcaldes de Carral, José Luis Fernández Mouriño; Culleredo, José Ramón Rioboo; Sada, Benito Portela; e a primeira tenente de alcalde de Oleiros, María José Varela.
O obxectivo da nova contratación é mellorar de forma significativa a calidade do servizo que se presta á cidadanía dos oito municipios integrados no Consorcio. Segundo explicou José Antonio Santiso, os pregos incorporan diferentes melloras para adaptar a prestación ás necesidades actuais da veciñanza.
Entre as principais novidades figura un reforzo das medidas de sustentabilidade, potenciando a recollida separada de residuos para favorecer unha maior separación na orixe e incrementar as taxas de reciclaxe.
Así mesmo, o futuro adxudicatario deberá desenvolver actuacións específicas para recuperar materiais e obxectos que poidan ter unha segunda vida útil, especialmente a través dos puntos limpos, favorecendo así a reutilización e a economía circular.
Coa aprobación dos pregos, o Consorcio As Mariñas dá un novo paso para renovar un servizo esencial, coa intención de ofrecer unha xestión máis eficiente, sostible e adaptada ás necesidades dos municipios que integran a entidade.