O Consorcio As Mariñas avanza na licitación do novo servizo de recollida de lixo ao definir a estrutura de custos

ACoruñaXa
A tramitación entra nunha fase clave coa exposición pública da estrutura económica do futuro servizo, paso previo á saída do contrato a concurso
CONSORCIO MARIÑAS contedores
21 Apr 2026

O Consorcio As Mariñas avanza na tramitación do novo servizo de recollida e transporte de lixo coa aprobación da proposta de estrutura de custos e da fórmula de revisión de prezos do contrato, un movemento decisivo para encarar a súa próxima licitación. A entidade supramunicipal considera esta prestación unha prioridade para mellorar e ampliar o servizo que reciben os veciños e veciñas dos oito municipios integrados no organismo.

Este trámite resulta obrigatorio ao tratarse dunha concesión suxeita a regulación harmonizada e cun importe superior aos 5 millóns de euros. A proposta foi elaborada a partir da consulta a operadores económicos do sector realizada por Novotec, a consultora encargada de redactar os pregos. En total, sete empresas achegaron os datos necesarios para definir a estrutura económica do contrato.

Segundo a documentación elaborada, o maior peso dos custos recae na man de obra, que representa o 58,97 por cento do total. No capítulo de bens correntes e servizos, o combustible supón o 8,47 por cento, o mantemento e as reparacións o 6,68 por cento, e os impostos o 0,80 por cento. A estrutura complétase cun 10,23 por cento para amortizacións, un 6,01 por cento para gastos xerais, un 2,11 por cento para custos de financiamento de investimentos, un 0,54 por cento para outros custos directos, un 2,94 por cento para outros custos indirectos e un 3,25 por cento correspondente ao beneficio industrial.

No relativo á revisión de prezos, o documento establece que só se terán en conta os custos de persoal, os carburantes e os servizos de mantemento e reparación, ao considerar que son os elementos máis expostos a desviacións significativas e sostidas no tempo. Ademais, a actualización só poderá aplicarse cando se execute, como mínimo, o 20 por cento do importe do contrato e transcorra un ano desde a súa formalización, tal e como marca a normativa.

A proposta someterase agora a información pública durante un prazo de 20 días. Unha vez rematado ese proceso, será remitida á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia para a emisión do informe preceptivo. Superado ese trámite, o Consorcio poderá aprobar en pleno os pregos que abrirán a porta á licitación definitiva, que será publicada no Diario Oficial da Unión Europea.

0.11609697341919