O Consello Escolar de Bergondo alerta sobre o incremento da adicción ás pantallas nos rapaces

ACoruñaXa
Na reunión anual abordáronse temas clave como a falta de profesorado para alumnado con necesidades especiais e a problemática do uso excesivo de pantallas
Imaxe do Consello Municipal Escolar de Bergondo
24 Out 2024

Na reunión anual do Consello Escolar Municipal de Bergondo, celebrada este martes e presidida pola alcaldesa Alejandra Pérez Márquez, tratáronse diversos asuntos cruciais para a comunidade educativa do municipio. Entre os participantes atopábanse representantes dos centros educativos, membros da ANPA, profesorado, pais e nais, e o inspector de Educación da Xunta de Galicia.

Un dos temas principais foi a necesidade urxente de contar con máis profesorado especializado no CPI Cruz do Sar, especialmente no ámbito da Pedagoxía Terapéutica. O aumento no número de estudantes con necesidades educativas especiais está a poñer de manifesto a escaseza de recursos humanos, o que preocupa á comunidade educativa polo impacto na calidade da atención a estes alumnos.

Outro tema que xerou debate foi a situación do persoal non docente. O Concello de Bergondo está a asumir competencias que corresponderían á Xunta de Galicia, como a contratación do conserxe do CPI Cruz do Sar. Esta situación foi sinalada como problemática, xa que as responsabilidades deberían ser asumidas polo goberno autonómico.

Ademais, o profesorado alertou sobre un problema cada vez máis presente nas aulas: a adicción ás pantallas. Este fenómeno afecta a estudantes de todas as idades, desde os máis pequenos ata os máis maiores, e está a causar problemas de atención entre o alumnado. O Consello Escolar fixo un chamamento ás familias para traballar conxuntamente na prevención deste problema, co obxectivo de protexer a educación e o benestar dos nenos e nenas.

Ademais, abordáronse outros temas como a programación dos centros educativos, o mantemento das instalacións, a limpeza, os servizos de conciliación e as actividades da ANPA, así como a elección dos días non lectivos para o curso escolar.

O Concello de Bergondo comprométese a seguir traballando en colaboración coa comunidade educativa e as administracións competentes para mellorar as condicións educativas e garantir un entorno de aprendizaxe adecuado para todos os alumnos do municipio.

0.18932485580444