O Consello da UDC pon en marcha un novo regulamento de contratación de persoal de investigación

ACoruñaXa
As principais novidades radican na mellora das condicións laborais deste colectivo, formado por 520 persoas, e na axilización dos procesos de incorporación
Imaxe do Consello de Goberno da UDC
5 Xuño 2024

O Consello de Goberno da UDC, reunido esta mañá de mércores no CITIC, tomou coñecemento do novo regulamento que rexerá a contratación das persoas dedicadas a tarefas de investigación nesa institución académica, que xa foi aprobado polo Consello Social da UDC. Un novo texto normativo, que nace dun proceso participativo previo e coa vocación de mellorar as condicións laborais das persoas que realizan a súa actividade no marco do Capítulo VI e tamén co obxectivo de axilizar os procesos para a súa incorporación. Actualmente, atópanse baixo este epígrafe un total de 520 persoas.

Entre as novidades máis destacadas que introduce, están a equiparación salarial, segundo as categorías, e da xornada laboral co resto do persoal PTXAS e PDI da UDC.

Seguindo no eido da investigación, foi aprobada a adscrición á UDC do investigador Oportunius Diego Martínez Santos, actualmente integrante do grupo LHCb en colaboración co CERN (Centro Europeo para a Investigación Nuclear), que traballa nun proxecto para desenvolver un novo software de toma de datos e unha serie de medidas de precisión para a desintegración de partículas. Esta nova incorporación é unha nova mostra do impulso que a UDC lle está a dar á investigación, pulo avalado tamén pola recente concesión por parte da ANECA de 111 sexenios ao persoal funcionario investigador.

Legado de Siro López

O Consello de Goberno aprobou a doazón do legado bibliográfico do humorista e ensaísta galego, Siro López, a quen a UDC lle agradece o seu ofrecemento á Facultade de Filoloxía para que albergue a súa colección de publicacións de banda deseñada, ilustracións e humorismo e demais obras; fondos con materiais do século XIX e XX de interese para o centro, dado o contido singular da biblioteca deste ilustre deseñador.

Apoio á comunidade Palestina

Ante a situación que se está a producir en Palestina, e atendendo ás solicitudes de diferentes colectivos estudantís, e do nodo da UDC da Rede de Universidades por Palestina (RUxP), hoxe representantes destas organizacións tiveron voz no Consello de Goberno, onde puideron expor os seus requirimentos, tras o que se acordou conformar un grupo de traballo para poder avanzar nun documento consensuado con medidas de apoio á comunidade palestina.

0.14406299591064