O conselleiro do Mar reclama en Sada a revisión á alza das cotas pesqueiras nas augas comunitarias
O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, reclamou unha revisión á alza das cotas pesqueiras establecidas en augas comunitarias para este ano. Así o manifestou onte no salón de plenos da Casa do Concello de Sada que acolleu o acto de clausura da VII Xornada da Frota do Cerco organizada por Acerga, onde tamén declarou como un dos eixos fundamentais da nova lexislatura a mellora das posibilidades de pesca para o conxunto de todas as frotas.
O titular de mar sostivo esta demanda no contido do ditame emitido polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que avala a decisión adoptada polos 27 na que se fixaban os TAC no 2020. No documento sinálase que as posibilidades de pesca poden ser superiores ás que recomendan os científicos para non ameazar a actividade da frota sempre da man de ditames que indiquen que a mesma é compatible co estado biolóxico das poboacións de peixes, co emprego e modo de vida das xentes do mar. Alfonso Villares recordou que as cotas aprobadas para este ano e o 2025 estiveron fortemente condicionadas ante a posibilidade dun fallo xudicial adverso que non se deu, polo que reclamou un revisión á alza do conxunto de cotas.
Nesta liña, o conselleiro puxo en valor a necesidade dunha política pesqueira comunitaria responsable e equilibrada dirixida a unha tripla sustentabilidade: a medio ambiental, a social, e a económica. Un equilibrio que vai en liña das demandas trasladadas polo Goberno galego co obxectivo de propiciar un marco adecuado para seguir avanzando na xestión sostible dunha actividade pesqueira rendible e competitiva dun sector que é estratéxico na economía galega en termos de xeración de riqueza e emprego.
Retos futuros
O evento contou da man de expertos, representantes gobernamentais e institucionais con tres relatorios sobre ‘A EFCA e a explotación sustentable das pesqueiras de pequenos peláxicos`, outro baixo o título ‘Estado actual do stock de sardiña en augas de Galicia e Cantábrico’, e o último que tratou as ‘Estratexias de adaptación das pesqueiras de peláxicos ao cambio climático’. O obxectivo foi para analizar a situación actual desde o punto de vista comercial, ambiental e xurídico así como abordar os retos de futuro polos que atravesa o sector.