O Conselleiro do Mar destaca no forno de Guísamo a acción dos grupos de acción locais de pesca

ACoruñaXa
O conselleiro destacou o salto adiante que deron as emprendedoras que se fixeron cunha panadería en Guísamo hai 5 anos para especializarse en empanadas de alta calidade feitas con peixes e mariscos adquiridos nas lonxas e mercados da zona
O Conselleiro do Mar visitou en Bergondo o Forno de Guísamo
12 Mar 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou este martes a empresa familiar O Forno de Guísamo para coñecer o seu proxecto 'Empanadas do Mar', amparada dentro do GALP Golfo Ártabro Sur. Esta iniciativa foi recoñecida dentro do Catálogo de Boas Prácticas en Desenvolvemento Local Participativo co que a Rede Española de Grupos de Pesca, e baséase na aposta por novos produtos realizados en base aos peixes e mariscos que se obteñen na zona, no ámbito local, para elaborar empanadas de mexillóns, polbo, bonito ou bacallau con pasas.

A relevancia deste proxecto comeza polo feito de que grazas ao apoio dos grupos de acción local en pesca (GALP) as dúas irmáns emprendedoras que o puxeron en marcha, Mónica e Rocío Otín, tomaron o relevo e permitiron que continuase funcionando o obradoiro de pan do pobo, en activo desde 1900, e que ía pechar hai 5 anos pola xubilación da propietaria. Levaron a cabo a importante reforma do antigo establecemento co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e da Consellería do Mar xunto GALP.

Esta importante modernización, que contribuíu á dinamización do comercio local, permitiu contar con fornos máis modernos e instaláronse cámaras de fermentación, que contribúen a que o pan sexa moito máis natural e san. O encargado do obradoiro é Antonio Otín, pai das dúas propietarias. O Forno de Guísamo estará presente dentro do stand da Consellería do Mar na feira Alimentaria 2024 que se celebra a comezos da próxima semana en Barcelona, proba da calidade dos produtos que elabora este forno. A este salón que se celebra na Cidade Condal está prevista tamén a asistencia do conselleiro.

O titular de Mar destacou que o Forno de Guísamo exemplifica o bo traballo que se está a facer desde os grupos de acción no ámbito pesqueiro na dinamización das economías locais e na fixación da poboación en concellos da costa ou próximos ao litoral, como é ocaso de Bergondo.

Alfonso Villares aplaudiu o labor do GALP Golfo Ártabro Sur que preside Alberto Luis Castro García con Federico López Viñas na xerencia, pois entre 2016 e 2022 foron quen de desenvolver medio cento de proxectos, dous de cada tres de carácter produtivo, que xeraron 50 empregos a tempo completo e nos que se investiron un total de 3 millóns de euros en axudas públicas. Este GALP aglutina a 47 entidades sociais e está integrado por seis concellos ademais do de Bergondo, como son os da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Sada e Oleiros.

Avanzando co Fempa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu o pasado día 20 de febreiro a resolución das axudas concedidas, na convocatoria de 2023, para o financiamento de proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas pola Consellería do Mar aos GALP. En total foron preto de 5 millóns de euros os mobilizados para 70 actuacións que desenvolven concellos, asociacións, confrarías, empresas e emprendedores repartidos de norte a sur por toda a costa galega, entre os que se atopaban catro actuacións do GALP Golfo Ártabro Sur por case 200.000 euros.

Tratase da primeira resolución dentro do marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e ven de pecharse tamén o pasado 29 de febreiro o prazo para a presentación de proxectos dos GALP da convocatoria para este ano 2024. Galicia é a primeira comunidade autónoma que ten os grupos seleccionados, as súas estratexias aprobadas e lanzou as convocatorias de axudas ao abeiro do Fempa.

Os oito grupos galegos actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, dos cales preto da metade foron axudas. Estes recursos multiplicáronse sobre o terreo e dinamizaron a economía galega nos concellos costeiros cun impacto superior aos 215 millóns de euros, xerando directa, indirecta e inducindo máis de 4.500 empregos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17653703689575