O conflito do metal esténdese en Galicia con novas folgas en Pontevedra e a primeira convocatoria na Coruña

Os sectores do metal e do comercio do metal volverán protagonizar esta semana novas xornadas de folga na provincia de Pontevedra mentres que o siderometal da Coruña irá ao paro o vindeiro 19 de maio ante o bloqueo das negociacións dos convenios colectivos. Os sindicatos CIG, CCOO e UGT denuncian a falta de vontade das patronais para chegar a acordos dignos e advirten de que intensificarán as mobilizacións se non se producen avances.
No caso de Pontevedra, o comercio do metal convocou dúas novas xornadas de folga para este mércores 13 e xoves 14 de maio, coincidindo de novo coas mobilizacións do metal, como xa acontecera o pasado día 7. O sector, que emprega a arredor de 10.000 persoas na provincia, leva ano e medio co convenio colectivo caducado e coas negociacións paralizadas dende xaneiro.
Os sindicatos rexeitan especialmente a intención da patronal de eliminar a cobertura do 100% das baixas por incapacidade temporal dende o primeiro día, así como a proposta de suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide absorber os pluses salariais que superen as condicións do convenio. Ademais, critican que a proposta económica non inclúa cláusula de revisión salarial ligada ao IPC.
Pola súa banda, o sector do metal da provincia de Pontevedra afrontará cinco xornadas de folga os días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio. As organizacións sindicais consideran insuficientes as propostas da patronal, tanto no relativo ás subas salariais como á redución da xornada laboral, que segue a ser unha das máis altas do Estado.
Entre as principais reivindicacións do persoal figuran tamén a regulación da xubilación anticipada con contrato de relevo, a limitación da subcontratación, a subrogación do persoal nos cambios de contrata, a regulación da contratación fixa descontinua e a implantación de medidas fronte ás altas temperaturas no verán, especialmente no sector naval.
As mobilizacións desenvolveranse en diferentes puntos da provincia. En Vigo, a manifestación do metal partirá ás 9.30 horas dos estaleiros de Beiramar e rematará na Praza da Estrela, mentres que o comercio do metal sairá ás 8.30 horas dende a estrada de Camposancos para confluir posteriormente coa marcha do metal na rotonda do barco de Coia. Tamén haberá protestas en Pontevedra, Vilagarcía e Lalín.
Ao mesmo tempo, o conflito esténdese á provincia da Coruña, onde CIG, CCOO e UGT acordaron convocar unha primeira xornada de folga no siderometal para o próximo 19 de maio. A decisión foi adoptada nas asembleas de traballadores celebradas na Coruña, Compostela e Ferrol tras a suspensión da última reunión da comisión negociadora do convenio.
Os sindicatos acusan á patronal de manter unha postura “inmobilista” e de atrasar deliberadamente a negociación nun contexto marcado pola perda de poder adquisitivo dos salarios debido ao aumento do custo da vida. As organizacións sindicais reclaman incrementos salariais dignos, redución da xornada laboral, melloras nos complementos das baixas médicas, limitación da precariedade derivada das ETT e dos contratos fixos descontinuos, así como frear a subcontratación en cadea.
As centrais sindicais fan un chamamento á participación masiva nas mobilizacións e consideran que a unidade dos traballadores será clave para forzar avances nas negociacións dos convenios colectivos do metal en Galicia.