O Concurso de Escaparates de Nadal repartirá ata 24.000 euros entre os comercios da Coruña

O pequeno comercio da Coruña volverá converterse en protagonista do Nadal cunha nova edición do Concurso de Escaparates impulsado polo Concello. A iniciativa repartirá ata 24.000 euros en premios entre os establecementos participantes e as asociacións de comerciantes, co obxectivo de animar as rúas, atraer visitantes aos negocios locais e recuperar a estética do Nadal tradicional.
Os comercios interesados poderán inscribirse de balde ata o vindeiro 21 de novembro a través da páxina web escaparatescoruna.gal, onde tamén se poden consultar as bases. A convocatoria está aberta aos establecementos de comercio minorista da cidade que conten cun escaparate visible desde a vía pública, mesmo fóra do horario comercial. Quedan excluídas as grandes cadeas, os negocios situados en grandes superficies e os establecementos de hostalaría e servizos.
O concurso terá un máximo de 400 participantes, que serán admitidos por orde de presentación das solicitudes que cumpran os requisitos. A temática desta edición será o Nadal tradicional, polo que as propostas deberán evocar os recordos e a estética das festas de antano. Os escaparates terán que estar decorados antes do 3 de decembro e permanecer así, como mínimo, ata o 5 de xaneiro de 2027.
Premios en tres zonas da cidade
Unha vez rematado o prazo de inscrición, os establecementos distribuiranse en tres zonas xeográficas, tomando como referencia os códigos postais para conseguir un reparto equilibrado de participantes. En cada unha concederanse cinco recoñecementos: un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 e un terceiro de 1.000 euros, ademais de dous accésits de 500 euros cada un.
En total, o Concello destinará 21.000 euros aos premios para os comercios. A esta cantidade poderán sumarse outros 3.000 euros para as asociacións de comerciantes ás que pertenzan os establecementos gañadores do primeiro premio de cada zona, que poderán recibir 1.000 euros adicionais sempre que estean inscritas no certame e cumpran as condicións das bases.
Un xurado integrado por especialistas en comercio e escaparatismo, representantes do sector e dúas persoas designadas polo Concello será o encargado de valorar as propostas. Entre os aspectos que se terán en conta figuran a orixinalidade, a creatividade, a composición, a calidade estética, a capacidade de atraer clientela e a integración da decoración co establecemento. Tamén se avaliarán a iluminación e a visibilidade dos escaparates.