O Concello pon en marcha o Plan estratéxico da Coruña 2030-2050
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá de mércores a Xunta de Goberno Local, convocada en sesión extraordinaria, e na que se aprobou a posta en marcha do Plan estratéxico da Coruña 2030-2050, un dos compromisos adquiridos polo Goberno municipal no Orzamento deste ano, en materia de dinamización económica e planificación urbana a longo prazo.
Para elaborar este plan consignouse unha partida específica de 200.000 euros, tal e como se estipula no expediente definitivo do Orzamento que foi levado ao Pleno e aprobado a finais de decembro.
“A través deste Plan estratéxico definiranse os obxectivos e as estratexias de futuro sobre os que se baseará o modelo de cidade que queremos para A Coruña de cara aos próximos 25 anos, sustentándoo en tres eixes de políticas públicas: a dinamización económica, a planificación urbana sostible e o benestar social”, explicou esta mañá a alcaldesa, que apuntou á “creación de vivenda pública no termo municipal, a aposta pola innovación tecnolóxica como unha vía para fomentar a creación de emprego, a integración porto-cidade, o compromiso coa mobilidade sostible e a accesibilidade universal das veciñas e veciños” como catro das cuestións destacadas que están sobre a mesa.
Os traballos para a elaboración do Plan estratéxico terán unha duración de 30 meses, período durante o cal se definirán os obxectivos que formarán parte da planificación urbana para o período 2030-2050. “Este plan nace cunha clara vocación de facer partícipe os diversos axentes institucionais, sociais e económicos da cidade, porque para a adopción de medidas a curto, medio e longo prazo é necesario traballar en conxunto. O plan contará cun comité de dirección, un consello asesor e comisións delegadas que dean cabida a todos os actores sociais, culturais, económicos e políticos desta cidade, porque o deseño da Coruña do futuro ten que un ser un deseño de todos e de todas”, expuxo Inés Rey.
A alcaldesa tamén anunciou esta mañá que á fronte da dirección técnica do Plan estratéxico estará Isabel Pardo de Vera, “unha persoa por todos coñecida cunha máis que probada experiencia de servizo público”.
“Ademais, o Concello ten previsto habilitar tamén un espazo singular para poder contar coas achegas dos exalcaldes da Coruña. Consideramos que así debe ser porque entendemos a cidade como un elemento vivo, sometido a unha evolución constante. Os mandatos duran catro anos, mais a nosa visión debe ir a longo prazo, sabendo que tan importante como isto é atender as cuestións urxentes do día a día. Por iso estamos convencidos de que escoitar e ter en conta os coñecementos, percorrido e achegas dos anteriores rexedores será de utilidade para, entre todas e todos, sentar as bases da segunda gran modernización da Coruña coa que me comprometín de cara a este mandato”, agregou a rexedora.