O Concello mellorará a Torre de Hércules cun investimento de preto de 1,2 millóns de euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou esta mañá dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local extraordinaria realizada no Palacio Municipal de María Pita. Entre outras cuestións, a alcaldesa destacou un acordo de colaboración e cooperación entre o Concello e a Axencia de Turismo de Galicia para a mellora da Torre de Hércules e a súa contorna.
“A través deste convenio, que conta con financiamiento autonómico, levaremos a cabo unha mellora substancial da Torre de Hércules e da súa contorna; apostaremos pola posta en valor e a renovación do faro para facelo máis accesible e adaptado ao tempo actual”, sinalou Inés Rey. Investirase un total de 1.185.000 euros en seis actuacións de diversa índole que suporán a posta en valor tanto do interior do monumento como do seu exterior e do conxunto da contorna do faro. Desas seis actuacións, cinco están incluídas neste convenio de cooperación con Turismo de Galicia.
Por unha banda, levarase a cabo unha mellora da accesibilidade e distintas actuacións de reparación no espazo da área arqueolóxica da Torre de Hércules. Será unha actuación integral que mellorará os elementos estruturais metálicos, eliminará as filtracións, illará o conxunto para evitar os danos que causan as sales mariñas e mellorará a accesibilidade cunha nova rampla de acceso. Ten un orzamento de 277.000 euros.
O segundo dos proxectos será a escavación e restauración do perímetro exterior da base da torre. Será a primeira escavación que se leve a cabo nesta zona desde 1992 e suporá unha mellora da conservación do material que forma parte das estruturas medievais e evitará así a degradación do xacemento. “O obxectivo é, polo tanto, rematar os traballos iniciados o século pasado e consolidar estas estruturas arqueolóxicas para que o xacemento sexa máis comprensible”, indicou a alcaldesa. Esta actuación terá un orzamento de 234.000 euros.
Por outra banda, restauraranse as salas Giannini, terraza superior e Edículo. Serán pequenas actuacións destinadas a mellorar estas estancias interiores do faro para, do mesmo xeito, mellorar a experiencia xeral das persoas visitantes. O cuarto dos proxectos que se levarán a cabo será a reforma da iluminación ornamental da Torre, co fin de actualizar estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética coas últimas tecnoloxías. Estas dúas actuacións terán un orzamento de 43.000 e 174.000 euros, respectivamente.
O quinto e último proxecto incluído no convenio suporá a restauración dos sendeiros do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules, na contorna do faro. “Esta contorna conta cun importante valor ecolóxico grazas á súa abundante biodiversidade, e grazas a esta actuación poderemos preservala á vez que adaptamos os camiños para seren máis accesibles”, sinalou Rey. Tamén destaca este espazo pola súa calidade paisaxística, xa que se trata da maior superficie non urbanizada da península da Coruña e un miradoiro natural cara ao Atlántico e ás rías do Golfo Ártabro. Por tanto, faise necesario o acondicionamento do carreiro que circunvala a Torre de Hércules, facéndoo máis accesible, seguro e durable. Ademais, definirase un percorrido accesible para persoas con mobilidade reducida aproveitando o tramo continuo que parte da glorieta e chega ata a costa, seguindo a continuación cara á dereita para pasear xunto ao mar. O orzamento será de 244.000 euros
Fóra deste convenio con Turismo de Galicia, desde o Concello licitarase este ano o proxecto de restauración de dúas das cámaras da torre, situadas na planta baixa. Son as únicas que tras a restauración de Eustaquio Giannini posúen porta de acceso desde o exterior. As portas actuais son de bronce, obra do artista galego Francisco Leiro. A actuación suporá unha restauración minuciosa da ornamentación destas cámaras e terá un custo de 211.000 euros.
Actuacións na pasarela entre a rúa Cabaleiros e a praza de Madrid
Noutra orde de asuntos, a alcaldesa informou hoxe da saída a concurso das obras de renovación na pasarela peonil que sobrevoa Alfonso Molina e conecta as instalacións actuais da estacións de buses coa contorna da intermodal.
A rexedora explicou que os traballos na pasarela forman parte do abano de actuacións complementarias ás obras na propia intermodal, con intervencións nos accesos e os percorridos próximos á estación. Por exemplo, na avenida da Sardiñeira e na Agra dos Mallos, onde se está a construír unha nova vía coa avenida de Arteixo.
Tamén é o caso da pasarela que une a rúa Cabaleiros coa praza de Madrid, unha infraestrutura clave que soporta boa parte do tránsito peonil que vai e vén dende, por exemplo, Catro Camiños e a propia estación de buses.
“A pasarela xa ten os seus anos e, en consecuencia, é preciso actuar para mellorar a súa accesibilidade e, de paso, intervir sobre as súas partes máis desgastadas. Non é nada novo e, de feito, vimos traballando nesta liña noutras pasarelas peonís da cidade como a que conecta A Falperra coa Santa Margarida sobre a rolda de Nelle, a que sobrevoa a avenida da Pasaxe cara ao hospital San Rafael”, detallou a alcaldesa.
Os traballos nesta pasarela levaranse a cabo nos próximos meses, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil. Rey destacou que o contrato que sae a licitación supón un investimento de máis dun millón de euros.
Ademais, a alcaldesa avanzou que, durante as obras sobre a estrutura, o Concello habilitará unha pasarela peonil provisional “que, segundo os nosos cálculos, estará operativa durante seis meses”. Rey apuntou que está medida é fundamental, “porque moitas das pezas de chapa e as varandas da pasarela actual precisan intervencións de revisión e, atendendo aos informes técnicos do Concello, na meirande parte delas é preciso pulilas, reforzalas e sometelas a tarefas de soldadura en taller”. Ademais, na superficie de paso renovaranse os materiais do pavimento, para facelo máis duradeiro e resistente fronte á corrosión.
“Obviamente, é imprescindible manter a conexión peonil sobre Alfonso Molina e, por iso, o contrato reflicte a instalación desta pasarela provisional, polo que quero recalcar que o itinerario peonil non se interromperá en ningún caso”, concretou Rey.
Novo espazo de ocio urbano no barrio de Novo Mesoiro
Ademais, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á saída a concurso dos traballos de construción do novo espazo de ocio xuvenil do barrio de Novo Mesoiro, un equipamento que estará situado nunha área axardinada en desuso tras os bloques de vivendas da rúa Ribeira Sacra e o rego de Moitos.
Tal e como se informou a finais do ano pasado, cando se aprobou o proxecto, aproveitarase unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados para crear espazos individuais concibidos para a práctica deportiva de calistenia, break e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong e xadrez. Tamén haberá un pequeno rocódromo.
Inés Rey razoou que, pola media de idade do barrio —unha das máis baixas da cidade, con moitas familias novas—, “entendemos que este espazo de ocio xuvenil dará resposta a un nicho de demanda que aínda non estaba cuberto”.
O investimento previsto nesta actuación é de 230.000 euros. Unha vez que se adxudiquen os traballos, o prazo de execución será de seis meses.
Melloras nas áreas verdes de Puga y Parga, en Catro Camiños
Ademais, hoxe aprobouse o proxecto de mellora previsto nas áreas verdes entre Puga e Parga e Alexandre Bóveda, en Catro Camiños, que sae tamén a licitación.
“Somos conscientes, desde hai tempo, de que era preciso intervir tanto na área de xogos como na súa contorna para renovar os equipamentos e, ademais, adaptar este espazo ao aire libre ás súas necesidades actuais. É o que faremos mediante esta intervención, humanizando e naturalizando o parque, onde tamén actuaremos sobre as zonas de paso”, expuxo a alcaldesa na rolda de prensa desta mañá.
Está prevista a retirada da chapa que marca o peche perimetral do parque e, no seu lugar, instalarase un valado de madeira, con materiais resistentes ao deterioro e á exposición ás inclemencias meteorolóxicas. Na área de xogos, a maiores, renovarase o firme de caucho. Ademais, actuarase sobre o mobiliario urbano, xa que se reconfigurará a súa distribución e habilitaranse novos equipamentos de xogo como mesas de xadrez.
No referente ás áreas verdes, unha das medidas que está sobre a mesa é a plantación dun novo céspede sobre unha base de terra vexetal enriquecida. Ademais, está previsto plantar máis arboredo no parque. A maiores, redimensionarase a rede de rega e adaptarase para que o sistema chegue á superficie total do parque.
O contrato que sae a concurso prevé un investimento de máis de 130.000 euros. Unha vez que se adxudique, o prazo de execución será de catro meses.