O Concello mellorará a accesibilidade do barrio Mesoiro Vello e renovará a pasarela do río
O Concello da Coruña iniciou este venres as obras para mellorar a accesibilidade na pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro, que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa rúa Horta.
Como paso previo á intervención, hoxe acotouse o espazo no que se levarán a cabo as melloras. Entre elas destaca a renovación da actual pasarela, que se substituirá por unha completamente nova, de sete metros de lonxitude, 2,5 metros de ancho e que atenderá á normativa vixente en termos de accesibilidade. Tamén se disporá un novo pavimento de tarima antiescorregamentos, e está previsto instalar pasamáns adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Ademais, se acometerá a adecuación do leito do río Mesoiro neste mesmo enclave, mediante o perfilado das ribadas e a rectificación do leito, xa que actualmente sofre unha desviación provocada por un muro de peche dunha parcela privada. Mitigarase, así, o risco de inundación na contorna.
Tamén, como actuación complementaria, executaranse melloras na rede de saneamento adxacente ás zonas de actuación, substituíndo os antigos colectores por novas tubaxes feitas en PVC, o que reforzará a seguridade ante posibles fugas.
O orzamento previsto no plan de obra é de 128.804,21 euros, e o prazo de execución estímase en catro meses. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha das principais solicitudes da Asociación de Veciños de Mesoiro-Vío-Xunqueiras.
Cómpre destacar que esta quenda de traballos en Mesoiro Vello lévase a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS).