O Concello mellora a iluminación do Paseo Serpent para reforzar a seguridade peonil

ACoruñaXa
Instalaranse novas luminarias LED de baixo impacto ambiental nun dos itinerarios máis transitados entre San Amaro e Os Menhires
paseo-serpent-torre-hercules-coruña
30 May 2026

O Concello da A Coruña iniciará o vindeiro luns os traballos de renovación da iluminación do Paseo Serpent, un itinerario peonil que rodea o barrio das Durmideiras e conecta a contorna da serea de San Amaro co paseo dos Menhires, moi empregado a diario por veciñanza e visitantes.

A actuación centrarase na retirada dos antigos puntos de luz empotrados no muro do paseo e na instalación de novas luminarias LED de última xeración, máis eficientes e con maior rendemento lumínico. Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, o obxectivo principal é “reforzar a seguridade das persoas viandantes” nun espazo que, segundo os informes municipais, presenta un incremento constante do tránsito peonil.

O Paseo Serpent é unha zona especialmente frecuentada pola súa proximidade ao Club do Mar de San Amaro, aos camiños do ENIL da Torre, ao faro e ás praias e calas da contorna. Este percorrido é utilizado tanto por residentes como por turistas que percorren o litoral da cidade.

A intervención dá resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza nos encontros informativos do Plan de Barrios, co fin de mellorar un tramo que actualmente carece de iluminación nocturna suficiente. Coa nova instalación, o Concello busca aumentar a visibilidade e a seguridade durante a noite.

Ademais, as novas luminarias permitirán reducir a contaminación lumínica e diminuír o impacto ambiental, apostando por un modelo de iluminación máis sostible e eficiente.

0.12659001350403