O Concello investirá 1,2 millóns en melloras do software de BiciCoruña durante os próximos cinco anos

ACoruñaXa
Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato, fundamental para manter a operatividade do servizo de uso das bicicletas, eléctricas e mecánicas
Imaxe de BiciCoruña
11 Xul 2024

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu onte, mércores 10 de xullo, a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou un investimento de 1,2 millóns no sistema de software TIC de BiciCoruña, unha partida a cinco anos vista, que inclúe as anualidades orzamentarias precisas ata o ano 2029, e necesaria para manter a operatividade do servizo de uso das bicicletas, eléctricas e mecánicas. Así o explicou posteriormente, en rolda de prensa, o voceiro municipal, José Manuel Lage.

O software que sae a licitación estará dispoñible en modalidade 24x7, o que implicará que o servizo estará monitorizado constantemente e ademais, facilitaría hipotéticas ampliacións de horario de BiciCoruña, dado que o sistema estaría operativo en todo momento.

"Os investimentos asociados a BiciCoruña non sempre son visibles, mais van moito máis alá do incremento na dotación de vehículos", sinalou Lage. Subliñou, por exemplo, o caso do sistema SaaS (software as a service) que habilita as persoas usuarias ao uso diario das bicicletas, tamén a adquisición dunha furgoneta eléctrica que axilizará a repartición de bicicletas entre as estacións operativas, así como o novo centro de lavado no que se acometerá o mantemento e limpeza das bicicletas, dous investimentos cofinanciados con fondos Next Generation.

Tras a súa aprobación en Xunta de Goberno Local, o contrato do sistema de software de BiciCoruña pasa xa a fase de licitación, o que supón un novo avance no plan de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que contempla a instalación de máis estacións nos barrios e a ampliación das bases alí onde se detecta a diario unha rotación de vehículos máis marcada.

0.12569999694824