O Concello inicia os trámites para que o narcopiso de Meicende non poida ser habitado de novo

ACoruñaXa
Arteixo inicia un informe de ruína para garantir que o edificio non poida ser ocupado de novo
Meicende
7 Nov 2024

Tras o operativo antidroga realizado onte pola Garda Civil nun inmoble de Meicende, o Concello de Arteixo aproveitou o rexistro e o desaloxo efectuado polas forzas de seguridade do Estado para enviar técnicos de urbanismo, persoal de Servizos Sociais e axentes da policía local ao lugar. O obxectivo desta actuación é iniciar os trámites necesarios para que, de forma legal, o edificio non poida volver a ser habitado no futuro.

A primeira medida foi a elaboración dun informe de ruína para determinar que o edificio presenta condicións de ruína inminente e non cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade das persoas nin a protección do medio ambiente. Ademais, os técnicos municipais constataron problemas graves de salubridade, que reforzan esta declaración de ruína.

O Concello de Arteixo busca así asegurarse, de forma legal e inapelable, de que o inmoble non sexa ocupado de novo, co obxectivo de eliminar definitivamente o foco de venda de droga en Meicende.

0.2037718296051