O Concello inicia os traballos de mellora da accesibilidade ao Centro Oncolóxico Rexional na rúa Doutor Camilo Veiras
O Concello da Coruña comezou as obras de mellora da accesibilidade na rúa Doutor Camilo Veiras. O Goberno de Inés Rey promove estes traballos co obxectivo de reurbanizar a contorna do Centro Oncolóxico Rexional atendendo á normativa vixente e reforzando a seguridade peonil.
Desta forma, neste punto acometerase a ampliación das beirarrúas e tamén da calzada, para permitir o cruzamento simultáneo de dous vehículos e facilitar a circulación de ambulancias e autobuses urbanos. Para levar a cabo esta ampliación executarase a demolición de parte do noiro axardinado pertencente ao Centro Oncolóxico Rexional, así como a construción dun muro de granito para a contención de terras.
En paralelo, tamén se instalará unha nova rede de saneamento de augas pluviais, coa colocación de oito pozos de rexistro conectados entre si con tubaxes de PVC de 315 mm. Ademais, tamén se habilitarán novos sumidoiros ao longo de toda a rúa, para facilitar a recollida de augas. Os sumidoiros en cuestión estarán conectados coa rede a través de tubos de PVC de 200 mm., máis seguros fronte a hipotéticas fugas.
Por outra banda, e aproveitando a intervención, executarase a renovación do sistema de iluminación pública na contorna do Centro Oncolóxico Rexional, substituíndo as actuais luminarias ornamentais e os báculos existentes por novos dispositivos LED, máis eficientes no referente ao aforro enerxético.
Está previsto que a intervención estea executada nun prazo de catro meses. A intervención na contorna do Centro Oncolóxico Rexional, que conta cun orzamento de 400.000 euros, forma parte dos 17 proxectos sobre os que o Concello obtivo 9,1 millóns de euros en financiamento estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation.