O Concello inicia a ampliación da biblioteca da Sagrada Familia con máis de 425.000 euros de investimento
O Concello da Coruña dará comezo o próximo mércores 8 ás obras de ampliación da biblioteca municipal da Sagrada Familia. Cun investimento superior aos 425.000 euros, esta intervención permitirá incrementar a superficie da instalación, modernizándoa e adaptándoa ás demandas da veciñanza.
Os traballos realizaranse en dous locais comerciais anexos á biblioteca infantil, na rúa Antonio Pereira, que se remodelarán para albergar unha nova sala polivalente. A actuación incluirá a demolición de tabiques e carpintarías existentes, así como a renovación da fachada para harmonizala co deseño da biblioteca.
Para garantir a seguridade das persoas usuarias, a sala infantil pechará temporalmente desde o mércores 8 e ata novo aviso. Como medida provisional, habilitarase un espazo lector para nenas e nenos na sala de adultos. As ‘Merendas con contos’, pola súa parte, trasladaranse ao Ágora durante este período.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que esta reforma modernizará as instalacións da primeira biblioteca municipal da cidade: “Con esta actuación dotaremos o espazo dunha maior capacidade para desenvolver actividades formativas e participativas”.
Máis dun millón de euros de investimento no barrio
A actuación na biblioteca acompáñase doutra intervención destacada no barrio da Sagrada Familia: a humanización do primeiro tramo da rúa homónima, cun investimento de 673.000 euros. Esta obra transformará unha superficie de máis de 1.600 metros cadrados nunha plataforma única con prioridade peonil e renovará infraestruturas como o saneamento e a iluminación pública.
En total, entre ambas as actuacións, o Goberno de Inés Rey destinará máis dun millón de euros á mellora do barrio.