O Concello impulsa unha nova edición de 'Tendas a exame' no barrio da Sagrada Familia

ACoruñaXa
O Concello da Coruña impulsa no barrio da Sagrada Familia unha nova edición do programa municipal ‘Tendas a exame', un servizo de consultoría personalizado co que o Goberno local busca apoiar e dinamizar o comercio de proximidade en todos os distritos da cidade.
Imaxe aerea do barrio sa Sagrada Familia na Coruña
4 Mar 2024

O Concello da Coruña impulsa no barrio da Sagrada Familia unha nova edición do programa municipal ‘Tendas a exame', un servizo de consultoría personalizado co que o Goberno local busca apoiar e dinamizar o comercio de proximidade en todos os distritos da cidade.

Un total de 30 comercios do barrio poderán participar nesta nova convocatoria, que comezará ao longo de marzo e terá unha duración de cinco meses. A súa selección levarase a cabo baseándose nas visitas do persoal técnico municipal que explicará o programa nos diversos establecementos da zona. Neste sentido, e se o número de inscricións así o permite, tamén se prevé estender esta iniciativa á contorna de Vioño e dos Mallos, nos sectores máis próximos á área principal de actuación.

Cómpre lembrar que, para poder participar no programa, é necesario rexentar un establecemento comercial aberto ao público. “A principal finalidade deste programa é axudarlle ao pequeno comercio da cidade a resolver as principais dificultades coas que se atopa no seu día a día, e buscar posibles oportunidades ou vías de negocio”, apuntou hoxe a concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas.

Avaliación de cada negocio participante, para buscar posibles melloras

Os establecementos participantes na campaña recibirán apoio e asesoramento do Concello ao longo de seis visitas. En primeira instancia, avaliarase o estado específico de cada negocio para, posteriormente, achegar propostas de mellora a cada un dos comercios. A súa implantación levarase a cabo de forma progresiva e co acompañamento do propio persoal técnico do Concello, que examinará as melloras de forma continua para, finalmente, facer balance dos resultados baseándose nas accións propostas. “É dicir, estudarase o antes e o despois de cada establecemento, para comprobar os avances palpables”, agregou Cabanas.

Dentro destas accións incluense por exemplo, a posta en marcha ou implantación de novas ferramentas web de comunicación, merchandising e escaparatismo, que axuden a visibilizar a actividade de cada negocio. E, ademais do asesoramento individual, o Concello tamén realizará unha sesión grupal na que as e os participantes poderán compartir a súa experiencia, intercambiar información e recibir formación sobre aspectos comerciais e legais de importancia.

Todo aquel que precise máis información sobre o programa poderá escribir un correo electrónico ao enderezo tendasaxeame@gmail.com.

 

0.21187114715576