O Concello habilitará un novo sistema de citas para axilizar os trámites de Urbanismo

ACoruñaXa
A partir do 18 de novembro, o persoal técnico responsable de cada expediente atenderá unha vez por semana a particulares para facilitar a resolución de trámites
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
7 Nov 2024

O Concello da Coruña lanzará a mediados de novembro un sistema de citas que permitirá axilizar os trámites en Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, ofrecendo atención presencial e telefónica personalizada aos cidadáns. O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, confirmou a posta en marcha desta medida durante un coloquio organizado hoxe na delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), situado na rúa Federico Tapia.

No encontro, Díaz Gallego detallou tres das principais melloras que a súa área está implementando para facer os procedementos administrativos máis áxiles e eficaces. A primeira delas é o novo formato de informe técnico, que o equipo de Urbanismo xa leva aplicando desde fai uns meses.

Outra das novidades máis destacadas será o novo sistema de citas, dispoñible desde o 18 de novembro, que complementará a cita previa presencial actual. Un día por semana, cada técnico responsable dun expediente ofrecerá atención específica, tanto presencial como telefónica, aos cidadáns interesados no estado dos seus trámites. Para iso, habilitaranse espazos dedicados na sede da Concellaría, situada na praza Indalecio Prieto.

Ademais, o Concello publicará na súa web de Urbanismo criterios técnicos sobre licenzas, revisados cada dúas semanas polo equipo. Estas actualizacións buscan mellorar a transparencia e facilitar que o público coñeza os criterios que guían o traballo do servizo. Esta nova información estará dispoñible tamén desde o 18 de novembro.

Durante a charla, na que participaron Gloria de la Montaña, directora da área de Urbanismo, e Yolanda Teixido, xefa de Intervención da Edificación e Disciplina Urbanística, informouse de que tamén se ofrecerá atención aos colexiados do COAG. Esta colaboración responde ao acordo en marcha entre o Concello e o Colexio de Arquitectos para a adhesión do Concello á plataforma de licenzas do COAG.

 

0.17595410346985