O Concello entrega os premios do Calendario Municipal 2025 aos trece fotógrafos locais

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o calendario como un símbolo do patrimonio social e cultural da Coruña
Calendario Municipal Coruña 2025
12 Dec 2024

O Concello da Coruña celebrou hoxe no Palacio de María Pita a entrega de premios do Calendario Municipal 2025. Durante o acto, presidido pola alcaldesa, Inés Rey, salientouse o valor deste proxecto como reflexo do patrimonio social e cultural da cidade. “Estas imaxes recollen momentos e escenas cotiás que, mes a mes, configuran a nosa vida. Este ano chamamos a esta obra Cultura de Vivir con orgullo, como proxección nacional e internacional da nosa esencia”, indicou Rey.

O calendario, que xa está dispoñible nos quioscos da cidade, inclúe trece fotografías seleccionadas de autoras e autores afeccionados que ofrecen diversas perspectivas da Coruña. Nesta edición, o título principal, 'Cidade habitada polo vento', está inspirado na obra 'Os libros arden mal' (2006) de Manuel Rivas, galardoado co Premio Nacional das Letras 2024. “É unha frase que evoca unha cidade aberta, dinámica e chea de vida, parte clave da nosa identidade”, subliñou a alcaldesa.

As persoas gañadoras recibiron dous libros de fotografía e un pase anual gratuíto para os Museos Científicos Coruñeses. O xurado estivo composto polos fotoxornalistas César Quián, Víctor Echave e Pedro Puig, ademais de Andy Pérez, responsable de fotografía do Concello, e os membros da corporación Nereida Canosa, Roberto Coira e Francisco Jorquera. O calendario tamén inclúe imaxes históricas seleccionadas do Arquivo Municipal, que enriquecen cada mes cunha perspectiva do pasado.

Os gañadores desta edición son:

  • Portada: Marcos Queiro, 'Cidade habitada polo vento'.
  • Xaneiro: Soraya Sampedro Bores, 'Noites máxicas'.
  • Febreiro: Daniel Martí, 'Música de Entroido'.
  • Marzo: Javier Castelo, 'Cemiterio das palabras'.
  • Abril: Marcos Gestal, 'Arcos da luz'.
  • Maio: Chencho Mendoza, 'A Coruña marítima'.
  • Xuño: Eduardo Mosqueira Rey, 'Xente nova, leña verde'.
  • Xullo: Mónica Rial Dosil, 'Amor milenial'.
  • Agosto: Alberto Quijada Loures, 'Sol de agosto'.
  • Setembro: Luis Cagiao Rodríguez, 'Ola, caracola!'.
  • Outubro: Ana Fernández, 'Queixume dos pinos'.
  • Novembro: Manuel Candal, 'Camarote con vistas'.
  • Decembro: Alberto Pereiras Pena, 'Cidade de luz e cristal'.

Rey agradeceu ás persoas participantes o seu talento e creatividade, destacando a importancia das súas achegas: “Cada unha das vosas fotografías representan unha historia, un momento único e unha visión persoal que nos invita a reflexionar sobre a riqueza da nosa cidade. A Coruña é unha cidade habitada polo vento... pero tamén polo talento e a paixón da súa xente”.

⚙ Configurar cookies
0.72256183624268