O Concello entrega as licenzas de venda ás 16 cooperativas escolares do proxecto Semente
Este xoves entregáronse en María Pita as licenzas de venda de produtos ás alumnas e alumnos dos sete centros educativos coruñeses que participan este ano no proxecto Semente, un programa municipal que fomenta os valores do emprendemento e a cooperación, achegando os máis pequenos ao coñecemento do comercio xusto e a economía social. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey, que estivo acompañada polos concelleiros Yoya Neira e Juan Ignacio Borrego.
Deste xeito, case un cento de rapaces e rapazas de educación primaria e educación especial, pertencentes aos CEIP Manuel Murguía, Sal Lence e María Barbeito, así como aos CPR Hijas de Jesús, Sagrado Corazón, Franciscanos e Grande Obra, acompañados polo seu profesorado, recibiron hoxe o documento que os habilita a establecer os seus postos de venda no mercado especial ‘Unha empresa na miña escola’, que se realizará o vindeiro 31 de maio na praza de María Pita, en horario das 16.30 ás 20.30 horas.
Nesa xornada, as 16 cooperativas escolares constituídas polas nenas e nenos destes sete colexios coruñeses exporanlle á cidadanía os seus produtos, que estarán dispoñibles para a súa compra. En María Pita estarán Murgui Plants e Papelitos Rechulitos (CEIP Manuel Murguía), Astrocuarto (CEIP Sal Lence), Mercamagical, Brecia, Camel e Fasmagyc (CPR Hijas de Jesús), Stranger Oceanix, O noso retro e Hawaiano Bailón (CPR Sagrado Corazón), Multiespacio e Decorarte (CPR Franciscanos), Nas GOA Drew (CPR Grande Obra) e Naturbeito, Minions ao curro e M. B. Shop (CEIP María Barbeito).
Os beneficios acadados polas cooperativas no mercado do 31 de maio en María Pita irán destinados, en parte, a apoiar economicamente a actividade de diversas oenegués e asociacións humanitarias da cidade.
Case 5.000 pequenos participaron no proxecto Semente desde as súas orixes
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a longa traxectoria do proxecto Semente, unha iniciativa municipal con 17 anos de percorrido na que participaron, desde a súa posta en marcha, case
5.000 nenas e nenos, que lles deron forma, ata hoxe, a 240 cooperativas escolares.
Neste sentido, cada un dos grupos participantes crea e xestiona unha empresa en forma de cooperativa, unha iniciativa que lles axuda ás novas xeracións a coñecer polo miúdo procesos como son a toma de decisións en común, o feito de pensar en colectivo e tamén posibles estratexias de dinamización publicitaria.
“Días como o de hoxe, así como o do mercado que terá lugar o vindeiro 31 de maio, son inesquecibles para as nenas e nenos participantes, as súas familias e tamén para o profesorado dos centros educativos, porque é cando se ve recompensado todo o esforzo e ilusión que as partes implicadas poñen nos proxectos que se desenvolven ao longo de todo o ano”, dixo Rey.
Ademais, a rexedora animou as pequenas e pequenos a abrir ao mundo as súas ideas e talento, lembrándolles que “xa sodes un modelo para seguir e unha inspiración de futuro para as nenas e nenos que participen nas vindeiras edicións do proxecto Semente”.