O Concello e o Secretariado Xitano colaboran na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano

ACoruñaXa
Membros da entidade elaboraron un guiso tradicional no Centro Cívico de San Pedro de Visma
Membros da entidade elaboraron un guiso tradicional no Centro Cívico de San Pedro de Visma
8 Abr 2024

Como cada 8 de abril, os membros de Secretariado Xitano na cidade organizaron un acto para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano. Nesta ocasión, á tradicional lectura do manifesto sumouse a elaboración dun guiso tradicional, a pota xitana, que compartiron todas as persoas asistentes ao acto celebrado no Centro Cívico de San Pedro de Visma.

A concelleira da Área de Benestar Social do Concello da Coruña, Yoya Neira acudiu ao acto, onde agradeceu ao Secretariado Xitano en nome da alcaldesa, Inés Rey, o seu traballo "na loita contra os prexuízos e a procura de vías de diálogo, de integración e de superación das barreiras". "A nosa colaboración céntrase na integración, con maior incidencia na escolarización e a inserción laboral da mocidade, en especial as nenas e as mulleres", subliñou Neira.

Pola súa banda, as persoas membros da entidade agradecéronlle ao Concello o apoio nas actividades de visibilización da cultura xitana. "A palabra chave é coñecer", sinalou Santiago Barrul. "Coñecer a nosa cultura, a nosa historia e a nosa achega é a mellor forma de acabar cos prexuízos", engadiu.

Este martes, un grupo de mozos e mozas de etnia xitana, que están a asistir a un itinerario formativo en hostalería organizado por Secretariado Xitano, asistirán a un taller de procura de emprego no Centro Municipal de Emprego. "Nesta visita recibirán unha charla de orientación e coñecerán as instalacións e posibilidades que ofrece o Centro Municipal de Emprego", dixo Neira.

O acto terminou coa degustación da pota xitana e a verza xerezana que elaboraron dous membros da entidade e co recordatorio de que o ano que vén a celebración do 8 de abril centrarase na conmemoración dun fito histórico: o 600 aniversario da chegada documentada das primeiras persoas xitanas á península.

0.11299109458923