O Concello e 'Nostián con Futuro' continúan a ter xuntanzas sobre a planta de Nostián
Dende que o Concello da Coruña anunciou que implantaría un quinto contedor de residuos, diversas organizacións veciñais, ecoloxistas e sindicais organizáronse para opoñerse a este anuncio. Estes colectivos, que conforman a Plataforma pola Reciclaxe: 'Nostián con Futuro', están a reunirse dende Novembro do 2023 para defender un modelo máis ecolóxico na xestión de residuos. Dende o principio, unha das principais demandas, foi a de esixir unha maior transparencia das xestións administrativas. Por esa razón, este colectivo ten solicitado diversas xuntanzas coa Concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.
Nestas reunións, o colectivo social e a concelleira están a falar fluidamente de moitos aspectos, tanto do estado da planta de Nostián como do novo plan de xestión de residuos que está a preparar o Concello, a implantación do 5º contedor, etc. Ao respecto desta última cuestión, que foi a que activou a este colectivo, aínda que a concelleira se ten manifestado sempre favorable a implantación do 5º contedor de residuos, transmitiulle á plataforma a súa intención de non aumentar o número de contedores que hai nas rúas da cidade.
Ademais, a concellaría manifestouse moi favorable a que as asociacións veciñais e ecoloxistas participasen na elaboración do plan de xestión de residuos e neste sentido comprometeuse a trasladar o borrador deste plan á Plataforma pola reciclaxe en canto este elaborado. Tamén se constatou nestas xuntanzas o estado de deterioro da planta de Nostián que precisa urxentemente unha inversión económica.
Xornadas sobre residuos e recollida de sinaturas.
Dentro das varias actividades que está a desenvolver a Plataforma pola reciclaxe: 'Nostián con futuro', neste momento están a recoller sinaturas para que non se implante o 5º contedor e por un modelo máis ecolóxico de xestión de residuos. Esta campaña de recollida de sinaturas avanza positivamente e está prevista a entrega dun número elevado de sinaturas proximamente.
Ademais a Plataforma está a organizar unhas xornadas sobre residuos na cidade que se celebrarán no vindeiro mes de marzo. Nestas xornadas falarase sobre o modelo da planta de Nostián e como avanzar na mellora do mesmo.