O Concello de Vilasantar lanza as actividades municipais gratuítas para o curso 2024-2025

ACoruñaXa
Vilasantar presenta un amplo programa de actividades municipais para 2024-2025, destacando opcións gratuítas para todas as idades e centradas en deporte, saúde mental e competencias dixitais
Imaxe do cartel das actividades de Vilasantar
7 sep 2024

Concello de Vilasantar dá comezo ao prazo de inscrición para as súas actividades municipais do curso 2024-2025, que se inician en outubro. Un ano máis, o Goberno local ofrece unha ampla variedade de actividades deportivas, de competencias dixitais e de estimulación mental, en gran parte de balde para os veciños e veciñas.

Para os máis pequenos, o Concello organiza unha escola de patinaxe dirixida á rapazada de Primaria, unha escola de bádminton aberta para Primaria e Secundaria, e unha aula de multideporte infantil. Todas estas actividades son totalmente gratuítas.

En canto aos adultos, o Concello ofrece clases de ximnasia de mantemento, que se desenvolverán en todas as parroquias de luns a venres, cun custo reducido de seis euros ao mes para facilitar o acceso a toda a veciñanza. Ademais, a escola de pilates, destinada a todas as idades, terá un prezo mensual de 10 euros.

Para potenciar o exercicio mental, o Concello organiza un taller de memoria gratuíto, que tamén se realizará nas distintas parroquias para asegurar a participación de todos os interesados.

Finalmente, no ámbito das competencias dixitais, a aula CeMIT de Vilasantar ofrece clases de informática sen custo, adaptadas a todos os niveis e con quendas específicas para adultos e nenos.

A través deste variado catálogo de actividades, o Goberno local de Vilasantar busca proporcionar ás persoas do rural as mesmas oportunidades que se ofrecen na cidade, contribuíndo á reducción da fenda dixital e ao mantemento dunha boa calidade de vida física e mental entre os seus residentes.

Cartel actividades municipais
0.17138504981995