O Concello de Vilasantar alerta de varios roubos de material gandeiro en fincas afastadas

O Concello de Vilasantar alerta da aparición de varios roubos de material gandeiro en fincas afastadas de diferentes parroquias do municipio rexistrados nas últimas semanas.
Segundo informa o Concello, en Armental foron subtraídos hai dúas noites diversos elementos dunha explotación gandeira, entre eles unha manga de gando de seis metros, 14 barreiras de tres metros e unha comedeira para o gando. O material pertencía a fincas de dous propietarios diferentes.
A estes feitos súmase a desaparición, a pasada semana, de outra comedeira nunha parcela situada en Mezonzo.
Os roubos xa foron denunciados ante a Garda Civil, que se encargará de realizar as investigacións correspondentes para tratar de esclarecer os feitos e identificar os responsables.
O Concello pide á veciñanza que estea alerta
Ante esta situación, o Concello de Vilasantar recomenda á veciñanza extremar a precaución e prestar atención a posibles movementos sospeitosos, especialmente nas fincas e parcelas máis afastadas dos núcleos de poboación.
O Goberno local solicita que calquera persoa que detecte algunha actividade sospeitosa ou dispoña de información que poida estar relacionada cos roubos se poña en contacto co propio Concello ou coas forzas de seguridade.
A administración municipal lembra así a importancia de comunicar calquera indicio que poida axudar a esclarecer a desaparición do material gandeiro.