O Concello de Sada traslada á Xunta a necesidade de recuperar o servizo de transporte público en Carnoedo e Veigue
O alcalde de Sada, Benito Portela, mantivo esta maña un encontro coa nova Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, tras solicitalo o Concello de Sada ante a evidencia dos problemas que estaban a xerar as modificacións realizadas no transporte público. Portela agradeceu a predisposición ó diálogo manifestada por Fontela, a quen lle trasladou a principal demanda dos usuarios do transporte: retrotraer o servizo a como funcionaba antes dos cambios.
O rexedor sadense manifestou á responsable de Mobilidade que a veciñanza de Sada non saíra gañando con estes cambios. Ó contrario, os propios datos da Xunta reflicten que de 14 frecuencias diarias á Coruña pasouse a 11, 5 das cales son baixo a nova modalidade de buses lanzadeira e o resto directas. “Cos datos na man non observamos que para Sada exista unha optimización do servizo. O que vemos é que o presunto reforzo fíxose a costa de reducións en Sada”, manifestou o alcalde.
O rexedor trasladou o problema que está a xerar a substitución de frecuencias directas por buses lanzadeira entre Sada - Lorbé e Lorbé - A Coruña, cuxa parada (intercambio) ten lugar na Valexa. En primeiro lugar, o Concello ten detectado que, incluso cumprindo os tempos que contemplan Xunta e Alsa, os usuarios agardan un mínimo de 10 minutos para continuar o percorrido. “Non son viables estes tempos de espera, que provocan que o percorrido ata A Coruña se prolongue ata unha hora e vinte minutos”. Por outra banda, supervisando ese intercambio, o Concello de Sada comprobou que o mesmo non se fai en condicións de seguridade.
Os usuarios están obrigados a cruzar a estrada AC-163 para poder subir ó bus en dirección a Sada nunha zona na que non hai paso de peóns. A maiores, o bus non para na zona onde hai marquesiña, fai unha manobra marcha atrás para aparcar nun viario dunha urbanización e agarda alí a que chegue o autobús da Coruña. “O certo é que vendo o funcionamento destes buses lanzadeira, entre o tempo de agarda, as manobras necesarias e os riscos para os usuarios, costa entender que sexa un mellor modelo que a viaxe directa”, remarcou Portela.
Durante o encontro, a Directora Xeral de Mobilidade trasladou ó rexedor que estudarán a posibilidade de recuperar o servizo tal e como funcionaba antes dos cambios, máis sen comprometerse a que finalmente se tome esta decisión pola repercusión que tería no conxunto do servizo. Namentres, Judit Fontela asegurou que a Xunta traballará para reducir os tempos de agarda no intercambio da Valexa. Por outra banda, o alcalde sinalou a necesidade de incorporar más frecuencias nalgúns momentos do día onde non hai transporte durante tres horas, cuestión que tamén será estudada polos técnicos de Mobilidade para mellorar o servizo.